Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2020.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de conceder, ao abeiro do programa Galicia Emprende, axudas por 2,29 millóns de euros para apoiar 60 proxectos empresariais de emprendedores e autónomos que prevén desenvolver investimentos de 9,1 millóns de euros e que levan asociados a creación e mantemento de 224 empregos.
Como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, as iniciativas abraguen actividades do sector industrial da automoción; do sector agroalimentario, como a elaboración de viños, pan e bolería; e dos servizos, como centros para maiores e escolas infantís, clínicas dentais, de fisioterapia e podoloxía ou restaurantes especializados. O investimento medio por proxecto é de preto de 152.000 euros, correspondéndose máis do 47% das iniciativas ás impulsadas por autónomos e as restantes por sociedades mercantís. O importe dos investimentos apoiados polo programa Galicia Emprende do Igape está comprendido entre os 25.000 e os 500.000 euros.
O Programa Galicia Emprende compleméntase co Galicia Rural Emprende, deseñado para promover a diversificación e creación de novas empresas non agrícolas no ámbito rural. A través da última convocatoria resolta deste programa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsará 62 proxectos de autónomos e emprendedores con axudas por valor de 4 millóns de euros, que mobilizarán investimentos que acadarán os 7 millóns de euros e que posibilitarán a creación e mantemento de 168 empregos.
Mediante estas dúas liñas de apoios, en 2019 o Goberno galego destinou 9 millóns de euros a apoiar máis de 180 proxectos empresariais que mobilizarán máis de 20 millóns de euros.
Os emprendedores galegos contan tamén co apoio da plataforma StartIN, que agrupa a rede de espazos coworking e as aceleradoras verticais, e que nos últimos cinco anos leva impulsado máis de 1000 proxectos, ademais dos instrumentos financeiros innovadores (IFIs) e os préstamos participativos ou o capital risco que ofrece XesGalicia a través do fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras.