Tuesday, 19 November 2019 10:48

A Xunta destaca o impulso á dixitalización e a Industria 4.0 como chaves do desenvolvemento económico

O director do Igape, Juan Cividanes, inaugurou en Santiago a xornada ‘Reinvéntate Galicia’, organizada pola Asociación Española de Directivos (AED), na que se analizaron os retos da Cuarta Revolución Industrial. Salienta que a Axenda 4.0 desenvolta pola Consellería de Economía, Emprego e Industria se anticipa aos cambios co reforzo dos programas activos e a incorporación doutros novos. Hoxe péchase en Vilagarcía de Arousa o ciclo de encontros ‘Industria e Empresa 4.0. As claves da empresa intelixente’, que afondou na transformación do tecido produtivo.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes, salientou o papel que os directivos empresariais desempeñan no desenvolvemento económico e social de Galicia a través do impulso dos investimentos no ámbito 4.0, a dixitalización e o avance da I+D+i, durante a súa intervención na apertura da xornada Reinvéntate Galicia, organizada en Santiago de Compostela pola Asociación Española de Directivos (AED).

A terceira edición deste encontro en Galicia reúne os directivos galegos para debater sobre os retos e oportunidades que a coñecida como cuarta revolución industrial provoca na economía, a sociedade e as formas de vivir actuais, e que o liderado empresarial debe afrontar para mellorar a competitividade do tecido produtivo. Propón ademais un espazo de reflexión sobre como deben actuar as empresas ante as profundas e rápidas transformacións que afectan tamén a empregados, clientes, provedores, accionistas, inversores e entes públicos, e sobre os aspectos éticos e de gobernanza e seguridade que o desenvolvemento tecnolóxico implica.

O director do Igape destacou que o Goberno galego está a anticiparse ás novas tendencias tecnolóxicas e aos novos cambios no modelo industrial co desenvolvemento das medidas marcadas pola Axenda 4.0, que ten ata 2022 como principais obxectivos contribuír á reinvención e a especialización tecnolóxica das empresas galegas, adecuar a formación do capital humano ás novas necesidades e aumentar o tamaño das pemes, entre outros; e na que se pon en valor o papel destacado dos cadros de dirección.

Para iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de reforzar os programas xa activados e incorporar novas iniciativas a esta folla de ruta, como os Centros de Fabricación Avanzada, programa que facilitará validar recursos de tecnoloxías dixitais feitas en Galicia en sectores produtivos concretos; Profesionais 4.0, que incentiva a contratación e a formación de novos titulados universitarios e de técnicos superiores en FP para a realización de plans de mellora competitiva; e Maquinaria 4.0, liña de axudas que terá como obxectivo reforzar a estandarización no sector e facilitar a compra de tecnoloxía feita en Galicia.

Xornadas Industria e Empresa 4.0

Durante o acto de inauguración do foro Reinvéntate Galicia, Cividanes lembrou tamén que hoxe se pecha en Vilagarcía de Arousa o ciclo de xornadas Industria e Empresa 40. As claves da empresa intelixente, que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración coa Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e o Círculo Financeiro de Galicia, organizou en cinco localidades galegas.

Os encontros, enmarcados no programa Capacita desenvolto polo Igape, reuniron a empresarios e directivos das pemes galegas e representantes de clústeres, universidades e centros de investigación co obxectivo de compartir experiencias e promover a colaboración entre diversos axentes económicos para afondar na Industria 4.0.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments