Tuesday, 06 September 2011 02:00

Economía e Industria facilita a contratación de xestores para dinamizar as exportacións empresariais

A través do Igape, mantén unha base que integra na actualidade a 352 especialistas dispostos a traballar ao servizo das empresas galegas en países de todo o mundo. A Consellería que dirixe Javier Guerra prima a cooperación empresarial tamén neste ámbito, de xeito que son os organismos intermedios os que poden acceder a maiores porcentaxes de axuda e durante máis tempo.

Santiago, 6 de setembro de 2011.- Como un instrumento de valor ao servizo da internacionalización do tecido empresarial, a Consellería de Economía e Industria, que dirixe Javier Guerra, mantén a través do Igape unha bolsa de Xestores de Exportación na que están integrados na actualidade 352 especialistas dispostos a traballar para as empresas galegas en países de todo o mundo.

Como complemento a esta base de profesionais, licenciados ou diplomados especializados en comercio internacional, o Igape convoca cada ano axudas para apoiar a contratación de xestores polas empresas e polos organismos intermedios de carácter empresarial, con subvencións que poden cubrir o 80% do salario dos profesionais contratados durante o primeiro ano.

Ata o momento, o Instituto dependente da Consellería de Economía e Industria xa aprobou apoiar a contratación dun cento de xestores de exportación por empresas e organismos intermedios galegos como por exemplo os clusters, asociacións empresariais ou os consellos reguladores.

Mediante a bolsa de xestores de exportación e as convocatorias de axudas para a contratación deste tipo de especialistas, a Xunta de Galicia facilita ás empresas galegas a prospección e o acceso a novos mercados, poñendo ao seu alcance información sobre o capital humano dispoñible e axudas para facerse cos seus servizos e avanzar na internacionalización empresarial.

A través da bolsa de Xestores de Exportación, publicada na web do Igape, a Consellería de Economía e Industria facilita ás empresas a galegas a localización e a contratación dos profesionais mellor preparados para apoialos nos seus proxectos de expansión exterior .

A Bolsa de xestores de exportación é unha iniciativa que se mantén aberta, e que acolle tanto aos profesionais con experiencia previa neste eido como aos especialistas formados grazas aos programas impulsados polo Igape, a través do plan de formación de especialistas en comercio internacional ou mediante o programa de bolsas no estranxeiro en organismos dedicados ao comercio exterior (Bolsas de Promoción Exterior); este programa xa formou, desde o seu comezo, a preto de 250 especialistas en comercio exterior.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments