Thursday, 27 October 2011 02:00

BIC Galicia promove a creación de empresas de base tecnolóxica nas humanidades e as ciencias sociais

A sociedade dependente de Economía e Industria colabora co CSIC para impulsar a iniciativa emprendedora entre docentes e investigadores. O proxecto Humaniza creará un banco de ideas con potencial para converterse en empresas e un mecanismo que actúe como acelerador para a constitución das novas sociedades.

Santiago, 27 de outubro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria, a través de Bic Galicia, promove a creación de empresas de base tecnolóxica e académica nos ámbitos das humanidades e as ciencias sociais grazas á colaboración coa Unidade de Apoio á Creación de Empresas do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) no proxecto Humaniza.

Este proxecto, dirixido a persoal investigador e docente universitario das áreas de Humanidades e Ciencias Sociais do CSIC, ten entre os seus obxectivos identificar o coñecemento, as necesidades específicas do emprendemento e as potencialidades para a súa transferencia ao mercado. O acordo de colaboración entre Bic Galicia e o CSIC servirá para elaborar un banco de ideas de negocio nos ámbitos das humanidades e as ciencias sociais, e un banco de casos de éxito das empresas de base académica creadas, así como unha relación de posibles promotores e grupos interesados en participar nun programa de apoio ao emprendemento neste ámbitos. A iniciativa inclúe ademais a elaboración dun portafolio de servizos dispoñibles para acelerar a creación de empresas de base tecnolóxica e académica.

A iniciativa tamén persegue dar a coñecer boas prácticas en creación de empresas de base académica, para procurar que sirvan de referencia para outros emprendedores, e, por outra banda, acelerar a posta en marcha de novas empresas apostando pola súa maduración tecnolóxica e a súa consolidación financeira.

Dentro deste acordo de colaboración entre BIC Galicia e a Unidade de Apoio á Creación de Empresas do CSIC desenvolveuse hoxe en Santiago un encontro que contou coa presenza de representantes tanto do ámbito empresarial como do investigador na contorna universitaria, para impulsar a posta en marcha do proxecto Humaniza na comunidade.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments