Wednesday, 09 November 2011 16:59

Economía e Industria impulsa proxectos innovadores en 15 novas empresas co programa BIC I-TEAMS

As pequenas e medianas empresas seleccionadas recibirán asesoramento para obter resultados dos seus proxectos en menos de tres meses. Ao remate do programa os traballadores estarán preparados para desenvolver sós os procesos de innovación necesarios para ser competitivos. Entre os participantes atópanse firmas de servizos TIC pioneiras en Galicia, como o portal Classora, con máis dun millón de páxinas visitadas ao mes, ou On-Touch, dedicada a novas tecnoloxías publicitarias.

Santiago, 9 de novembro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria, a través do programa Bic I-Teams de Bic Galicia, asesorará a 15 pequenas e medianas empresas de recente creación a definir unha nova carteira de proxectos, co obxectivo de que poidan obter resultados dos mesmos en menos de tres meses. A finalidade de Bic I-Teams é que, coa axuda de expertos externos, estas empresas non só definan un traballo específico que dea lugar a un produto ou servizo innovador, senón que tamén, unha vez finalizado o programa, o seu persoal estea preparado para desenvolver por si só os procesos de innovación necesarios para ser competitivos.

Despois dunha primeira fase de diagnose na que se analizaron un total de 25 pemes de base tecnolóxica e de menos de 48 meses, o equipo do programa impartirá formación práctica e asesoramento individualizado en cada unha das 15 firmas participantes. O pasado 26 de outubro xa se celebrou a primeira xornada formativa, sobre a identificación de oportunidades de innovación e hoxe tivo lugar en Santiago a segunda sesión sobre a definición da carteira de anteproxectos de innovación.

Entre as empresas escollidas para desenvolver proxectos de innovación ao amparo do programa Bic I-Teams atópanse compañías pioneiras no ámbito dos servizos de novas tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC). Destacan exemplos como o portal Classora, que almacena por temas todo tipo de información e que xa se posicionou en Internet como ferramenta de coñecemento de referencia, cunha media de máis de 5.000 usuarios diarios e un millón de páxinas vistas ao mes; ou On-Touch, dedicada ás aplicacións publicitarias novidosas, como o recoñecemento facial, o marketing de proximidade ou a publicidade interactiva. O Programa BIC I-TEAMS tamén traballará con empresas de enxeñería e servizos para a industria, consultoras de eficiencia enerxética e enerxías renovables, laboratorios químico-farmacéuticos ou mesmo investigación xenética para a acuicultura.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments