Ourense, 29 de novembro de 2011.- Esta tarde desenvolveuse a xornada de presentación dunha nova Rede de Mentores en materia de Internacionalización, impulsada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape e BIC Galicia, no marco do Proxecto europeo ECICII integrado dentro do Programa de cooperación POCTEP Galicia-Norte de Portugal.
O encontro desenvolvido hoxe na sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) orientouse a consolidar unha rede de mentores que acompañen ás pemes nos seus procesos de internacionalización, contribuíndo á capacitación como mentores en internacionalización de profesionais que pola súa experiencia e coñecementos podan axudar a outras empresas a dar o salto ao exterior.
A nova rede de mentores en materia de internacionalización pretende aproveitar as sinerxías coa Rede Mentoring de BIC Galicia para dar a coñecer o labor que desenvolven os mentores e a visión dunha empresa que foi mentorizada, e para realizar sesións formativas conxuntas en habilidades avanzadas como a motivación ou a fixación de obxectivos.
BIC Galicia xa coordina a Rede Mentoring, que inclúe a preto dun cento de mentores, está asesorando a máis de 80 empresas galegas en vías de consolidación; esta rede estase a reforzar na actualidade para acoller a máis mentores e atender a máis empresas. Na presentación, a directora de Bic Galicia, Maite Cancelo, salientou a importancia do instrumento do mentoring, no que xestores expertos comparten coñocemento e habilidades de xeito altruísta, para avanzar na consolidación e na internacionalización das novas empresas.
O proxecto europeo transnacional ECICII, que lidera o Igape, ten como obxectivo principal dinamizar a proxección exterior das empresas mediante a cooperación entre entidades asociativas e organismos públicos de Galicia e do Norte de Portugal. No encontro de hoxe participaron representantes da Associaçao Empresarial de Portugal, xunto con representantes da CEO, da CEP, do Igape e de BIC Galicia. O proxecto europeo ECICII foi aprobado no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP) e busca promover e reforzar as relacións económicas e as redes de cooperación existentes en áreas de traballo como a vixilancia e os estudos de mercados, a capacitación profesional para a internacionalización, a cooperación empresarial e institucional e a creación de redes conxuntas para dar pulo á internacionalización empresarial.
Os interesados en participar na rede de mentores de internacionalización, como mentores ou como empresas, poden facelo inscribíndose na seguinte dirección web http://mentoring.ecicii.com/es. Para recibir máis información, contactar con This email address is being protected from spambots. You need JavaScript enabled to view it. .