Wednesday, 30 November 2011 01:00

Economía e Industria estimula o emprendemento con financiamento, formación e asesoramento

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, destacou no acto de presentación do informe GEM o incremento nun 6% dos emprendedores que pensan crear unha empresa a curto prazo. O estudo, no que colaboran a Xunta, a Universidade de Santiago e a CEG, sinala que aumentaron nun 44% as iniciativas empresariais consolidadas. O Igape aprobou nesta lexislatura, a través dos programas re-Imaxina e re-Emprende, apoios a máis de 900 proxectos de emprendedores, microempresas o pemes que están a crecer.

Santiago, 30 de novembro de 2011.- O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Javier Aguilera, que participou esta mañá na presentación do estudo GEM 2010, salientou o importante estímulo que para o emprendemento galego supoñen os instrumentos de financiamento, formación e asesoramento habilitados por Economía e Industria a través de Xesgalicia, Bic Galicia e do Igape.

Aguilera lembrou que o instituto dependente da Consellería aprobou nesta lexislatura, a través dos programas re-Imaxina e re-Emprende, "apoios a máis de 900 proxectos de emprendedores, microempresas o pemes que están a crecer". Do mesmo xeito, Aguilera referiuse á creación do Fondo de Capital Risco Xes-Innova para apoiar proxectos emprendedores especialmente innovadores, e citou aos business angels como interesantes instrumentos de financiamento alternativos para impulsar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais.

O director xeral do Igape destacou que, con respecto ao estudo GEM anterior, hai un 6,18% máis de emprendedores que manifestan o seu interese por crear unha empresa a curto prazo, así como o substancial incremento das iniciativas empresariais consolidadas, que creceu nun 44% sobre o estudo anterior. "Desde a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, de Bic Galicia e de Xesgalicia imos procurar que estas tendencias se acentúen, que ningún emprendedor deixe de crear a súa empresa por falta de instrumentos de apoio axeitados, e que as novas empresas se poidan asentar e medrar para crear riqueza e emprego en Galicia", manifestou Javier Aguilera.

O Global Entrepreneurship Monitor (GEM 2010) foi presentado nun acto desenvolvido hoxe en Santiago e no que participaron tamén representantes da Universidade de Santiago e da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), entidades que participan na elaboración do traballo, xunto coa Xunta de Galicia. Na presentación do traballo participou tamén Maite Cancelo, a directora xeral de BIC Galicia, a sociedade da Consellería de Economía e Industria que participa nos equipos investigadores e no financiamento do estudo GEM.

O responsable do Igape salientou o valor da colaboración continuada, no ámbito da denominada triple hélice –administración, universidade, empresariado-, para elaborar un estudo sobre o emprendemento que considerou de especial valor para coñecer os indicadores axeitados, para avaliar os aspectos relativos á creación e desenvolvemento das empresas nos que deben incidir especialmente as políticas públicas.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments