Thursday, 15 December 2011 01:00

Economía e Industria apoia ós clústers para facer máis competitivos os sectores estratéxicos galegos

O director do Igape, Javier Aguilera, participou na conferencia de clausura do Proxecto europeo ATClusters e adiantou que se vai manter esta dinámica de cooperación transnacional mediante o novo proxecto ATC4 Excellence, aprobado xa pola UE. Aguilera Navarro definiu aos clúster como "grandes pancas da transformación económica cara a un futuro de recuperación e crecemento".

Santiago, 15 de decembro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria apoiará o desenvolvemento dos clúster capaces de facer máis competitivos os sectores estratéxicos da economía galega. Segundo manifestou o director xeral do Igape, Javier Aguilera, na conferencia de clausura do proxecto europeo ATClusters, os clúster son actores económicos imprescindibles no "despegue económico".

Javier Aguilera definiu a estas organizacións "como grandes pancas da transformación económica cara a un futuro de recuperación e crecemento" e lembrou a importancia que concede a Xunta de Galicia aos clúster como impulsores da competitividade. Neste sentido, cómpre lembrar que a Consellería de Economía e Industria apoiou a formación e consolidación dos principais clúster galegos. A actividade neste campo deu pé á creación do Clúster de Industrias e Servizos en Enerxías Renovables, o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida, o Clúster do Granito e o da Lousa.

Na apertura oficial da conferencia internacional que pecha o proxecto ATClusters, o director do Igape destacou as vías de colaboración internacional abertas polo programa en sectores como o agroalimentario, o de automoción ou o de industrias creativas, entre outros. Aguilera amosou o seu convencemento de que esta dinámica de cooperación que comezou con ATClusters vaise manter coa posta en marcha do novo proxecto ATC4 Excellence, xa aprobado pola Dirección Xeral de Industria da Unión Europea e dirixido a impulsar a excelencia na xestión dos clúster e a extensión das mellores prácticas de xestión empresarial a nivel internacional.

O director xeral do Igape amosouse convencido de que o traballo en común con axencias e clúster doutras rexións europeas está a servir "para optimizar a xestión dos recursos existentes, para conseguir a máxima eficacia". Javier Aguilera celebrou tamén a posta en marcha do novo proxecto de cooperación que, dixo, "recoñece a nosa colaboración no pasado próximo e ampara e anima a nosa cooperación futura".

Co Igape como xefe de fila, ATClusters canalizou a colaboración transnacional con axencias de desenvolvemento doutras rexións de Europa como Idepa, de Asturias; Sodercan, de Cantabria; Adrave, de Portugal, Betagne Innovation, de Francia, e South West Regional Authority (SWRA), de Irlanda. O programa tamén abriu a colaboración con organizacións doutros países e redes de clústeres europeas. Durante a vixencia do proxecto, en Galicia activouse a cooperación entre os clúster existentes, ao tempo que se crearon novos agrupamentos empresariais "con vocación de buscar tanto a colaboración sectorial como a trasversal, tanto no propio territorio como nos ámbitos nacional e europeo", segundo salientou Javier Aguilera.

No marco da conferencia de clausura de ATClusters asinouse un convenio de colaboración entre o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e Portugal Foods, que xa estaban a colaborar activamente. Na II Conferencia Transnacional ATClusters estiveron presentes máis de 40 clúster de todas as rexións que forman parte do proxecto.

Xunto co director do Igape, neste encontro participaron a presidenta da autoridade de xestión do Espazo Atlántico, Ana Teresa Lehmann, e a conselleira da DG de Industria da UE Helene-Diane Dage, así como representantes de case medio cento de clúster dos diferentes países que cooperaron nesta iniciativa comunitaria.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments