Ferrol, 22 de decembro de 2011.- O Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, participou hoxe nunha nova reunión da comisión de seguimento do Plan Ferrol, na que se fixo balance das principais actuacións levadas a cabo ao abeiro do programa neste ano, no que se levan apoiado investimentos por máis de 155 millóns de euros.
Javier Guerra apuntou que "o Plan Ferrol arrincará en 2012 unha nova etapa, despois de dous anos nos que se cumpriron os obxectivos" e destacou o esforzo da Consellería para facer do Plan Ferrol "un instrumento dinamizador da economía", eficaz para apoiar con axudas de especial intensidade as boas ideas e os proxectos solventes.
O conselleiro, que fixo balance do Plan, resaltou que no 2011 aprobáronse axudas para máis de 300 proxectos, cunha mobilización de investimentos superior aos 155 millóns de euros, o que supón que foron concedidos 67 millóns de euros en axudas. Guerra engadiu que o mantemento e a xeración de emprego é unha das prioridades desta iniciativa e destacou que os investimentos mobilizados neste exercicio, ao abeiro do Plan Ferrol, xeraron máis de 350 empregos industriais.
Neste sentido, Javier Guerra quixo subliñar que o obxectivo do Goberno galego é que as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal constitúan un lugar preferente para investir e crear emprego e lembrou que a ampliación da vixencia do Plan dous anos máis até 2013, aprobada polo Consello da Xunta o pasado mes de marzo, é una mostra do compromiso do Executivo galego co desenvolvemento destas comarcas.
Apoio ao Naval
Por outra banda, Javier Guerra tamén trasladou o apoio da Xunta ao sector naval galego e especialmente ao desenvolvemento desta actividade en Ferrol. Guerra explicou que "o Goberno de Galicia ten claro que o centro de reparacións navais é unha necesidade para a comarca" e engadiu que e o Executivo autonómico "foi o único que plantexou o estudo técnico e o estudo económico de viabilidade" deste proxecto.
Guerra insistiu en que "a Xunta continuará a traballar" a prol desta iniciativa e "trasladará ao novo Goberno de España" a necesidade de que a SEPI e Navantia se impliquen activamente no financiamento do mesmo. Neste sentido, lamentou que até agora non "teñan presentado ningunha alternativa" de viabilidade, xa que a única que existe é a da Xunta de Galicia e lembrou que a Consellería que dirixe ten pedido unha reunión á SEPI, sen obter resposta.
Para concluír, o conselleiro lembrou que, a pesar da falta de apoio do anterior Goberno de España ao naval galego, "o Goberno de Galicia foi o único que presentou propostas alternativas ao tax lease". Neste sentido, o titular de Economía e Industria sinalou que a Xunta xa "trasladou a Madrid" a importancia do sector para a Comunidade e remarcou que "o presidente sabe perfectamente que o naval é unha prioridade para o Goberno de Galicia".