Santiago, 30 de decembro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria ten posto en marcha unha estratexia específica de apoio á iniciativa emprendedora que está a favorecer a posta en marcha de novos proxectos no eido empresarial. Este programa está deseñado para atender ás necesidades reais dos emprendedores, centrado en facilitar o financiamento e achegar formación e asesoramento especializado aos empresarios.
Para facilitar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais en Galicia, a Xunta deseñou programas como o re-Imaxina, destinado a financiar investimentos de emprendedores, microempresas ou pemes en crecemento, ou como o re-Emprende, destinado a respaldar os investimentos dos emprendedores. As dúas liñas permitiron prestar apoio a máis de 900 proxectos, para mobilizar investimentos que superaron os 34 millóns de euros no que vai de lexislatura.
Ademáis, cos fondos de capital risco activados a través de XesGalicia, a Consellería pon ao dispor dos emprendedores mais de 23 millóns de euros. Co Xes-Innova, o Xes-Posibilita e o Fondo Tecnolóxico i2C a Xunta aumenta o seu compromiso cos empresarios que decidan asumir o risco de pór en marcha actividades innovadoras e con amplas expectativas de crecemento e creación de emprego de calidade. Deste xeito, estase a apostar pola fórmula do capital risco como unha das ferramentas que mellor se adaptan ás necesidades de financiamento de proxectos innovadores.
O fondo Xes-Innova está orientado a financiar iniciativas vinculadas a campos como a biotecnoloxía, as telecomunicacións, as enerxías renovables e o medio ambiente. O fondo Xes-Posibilita, mentres tanto, está pensado para financiar proxectos impulsados por emprendedores con discapacidade. Mentres que o Fondo Tecnolóxico i2C, aprobado recentemente polo Consello da Xunta, é unha nova ferramenta orientada a apoiar iniciativas altamente innovadoras e atraer investimentos cara á I+D+i galega. Trátase dun fondo de capital risco, pioneiro na Comunidade, que ademais nace aberto á colaboración da iniciativa privada. De feito, a Consellería de Economía e Industria xa traballa no estudo, captación e procura de proxectos, ademais de estar plenamente implicada na captación de investidores interesados en participar e aumentar o Fondo i2C.
Neste sentido, cómpre lembrar que nos dez primeiros meses do ano creáronse en Galicia 3.430 novas sociedades mercantís, o que supón un aumento con respecto ao mesmo período do ano anterior. Ademais, neste mesmo período de 2011, 1.549 empresas ampliaron capital, un 3,68% máis que no 2010.
Por outra banda, no eido da formación cómpre salientar que nos nos cursos, seminarios e xornadas de formación e asesoramento organizados pola Consellería a través de BIC Galicia e do Igape participaron máis de 6.000 persoas este ano.
Unha empresa en menos de 48 horas
Durante esta lexislatura, a Consellería de Economía e Industria está a dar tamén un intenso impulso á axilización dos procedementos para facilitar a posta en marcha e a consolidación das novas iniciativas empresariais. Esforzo que comeza habilitando ferramentas telemáticas para a constitución rápida de novas empresas, baixo as formas xurídicas da SLNE ou da SRL). Así, o Igape ofrece atención directa e asesoramento eficiente nos seus puntos de asesoramento e inicio de tramitación (PAIT), situados en cada unha das súas oficinas en Santiago, A Coruña, Vigo, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra; mediante este sistema apoiado nas TIC, en Galicia pódese constituír unha SLNE en menos de 48 horas.
Durante este ano, Economía e Industria tamén apostou por reforzar instrumentos para a consolidación e crecemento das novas empresas como a Red Mentoring, que achega apoio gratuíto de mentores especializados. A Rede de Mentores, aberta a novas incorporacións integra na actualidade a preto dun cento de mentores experimentados, procedentes de diversos sectores e especializados en diferentes áreas de xestión empresarial, que apoiaron ou están asesorando de xeito gratuíto a máis de 80 empresas.