Thursday, 09 February 2012 01:00

O Igape promove a excelencia nos clústers a través dun proxecto europeo que se presenta en Londres

O obxectivo da iniciativa ATC4Excellence, na que participa a Consellería de Economía e Industria a través do Instituto e xunto con entidades de Irlanda, Portugal, Asturias e Cantabria, é promover as mellores prácticas nos clusters das rexións europeas implicadas. O proxecto, que busca incrementar a internacionalización destas organizacións empresariais, dálle continuidade ao exitoso ATClusters, liderado polo Igape.

Santiago, 9 de febreiro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria participou hoxe en Londres, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), no encontro que marca a posta en marcha do proxecto europeo ATC4Excellence, que ten como obxectivo promover as mellores prácticas e a excelencia nos clusters das rexións europeas implicadas. Nesta iniciativa participan, ademais do Igape, as axencias de desenvolvemento Idepa, de Asturias; Sodercan, de Cantabria; Adrave, de Portugal, e South West Regional Authority (SWRA), de Irlanda.

O proxecto ATC4Excellence ten unha duración de dous anos e está cofinanciado ao 95% pola Dirección Xeral de Industria da Comisión Europea. Por unha banda incluirá unha parte formativa para os xerentes de clusters, á vez que se recollerá unha serie de información estatística para compartir con algunhas das redes europeas de clusters (ECA (European Cluster Alliance) ou ECEI (European Cluster Excellence Initiative). Ademais, impulsarase a mobilidade dos directivos dos clusters das rexións implicadas, promovendo a súa participación en visitas de estudo e intercambiando experiencia a nivel mundial.

Con este novo proxecto, Economía e Industria dá continuidade ao traballo, relacións e contactos establecidos durante o desenvolvemento do proxecto ATClusters, liderado polo Igape e que rematou o pasado decembro, ademais, de ampliar os obxectivos e as posibilidades dos mesmos. Entre os beneficios derivados da participación no ATC4Excellence inclúese a participación e colaboración no deseño de políticas de clusters europeas, ou o posicionamento a nivel europeo, tanto das axencias de desenvolvemento rexional (ADRs) como dos propios clusters, e o fortalecemento da súa relación coas institucións involucradas na xestión de políticas de clusters. Outros dos resultados que se buscan dentro do proxecto son o achegamento das relacións clústeres-ADRs , e de clúster-clúster, a nivel nacional e internacional, o que redundará nun incremento da súa internacionalización e na posibilidade de presentación de proxectos conxuntos a nivel nacional, europeo ou internacional.

Tamén se promoverá o deseño de actividades interclusters concretas entre os países socios, abrindo posibilidades a novas accións e encontros de negocios, ou un maior coñecemento da coordinación público-privada en canto a deseño de programas específicos de apoio a clusters de cara ao incremento da competitividade a través do fomento da innovación, da internacionalización e de novas oportunidades de negocio.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments