Wednesday, 15 February 2012 01:00

Javier Guerra salienta que o Igape está a prestar un apoio indiscutible ao tecido empresarial galego

O Conselleiro de Economía e Industria destacou no Parlamento que o Igape está consolidando unha nova estrutura que concede especial atención á internacionalización e a mellora competitiva. O titular de Economía e Industria lembra que o Instituto leva aprobados no que vai de lexislatura máis de 50.000 proxectos fronte aos 10.000 do goberno anterior. Os proxectos aprobados axudaron a manter ou crear, só en 2011, preto de 50.000 postos de traballo.

Santiago, 15 de febreiro de 2012.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, salientou hoxe no Parlamento que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) está a prestar un apoio indiscutible ao tecido empresarial e industrial de Galicia. Resaltou Guerra que o Igape está consolidando unha nova estrutura que concede especial atención á internacionalización e a mellora competitiva das empresas galegas e destacou o seu correcto e rigoroso funcionamento.

O conselleiro destacou a importancia do traballo realizado desde o Instituto "que sempre está cando é necesario e responde ás expectativas da empresa galega". De feito sinalou que no que vai de lexislatura o Igape leva aprobados máis de 50.000 proxectos, fronte aos 10.000 do anterior goberno galego. Este apoio mobilizou préstamos por preto de 1.230 millóns de euros, case un 50% máis que o bipartito. Ademais, só en 2011, os proxectos aprobados axudaron a manter ou crear preto de 50.000 postos de traballo.

Javier Guerra fixo referencia á rigorosidade coa que o Igape e os seus profesionais xestionan os expedientes e lembrou que cada solicitude é sometida a análise, estudándose de xeito pormenorizado e pasando diferentes filtros ata que é aprobada ou rexeitada. Destacou ademais que na complexa situación actual, e duplicándose por cinco os proxectos aprobados, os tempos de resposta do Igape melloraron considerablemente.

Salientou o conselleiro que o Igape vai seguir traballando e incrementando os seus esforzos para apoiar o tecido produtivo da nosa comunidade porque o Goberno galego está convencido que a aposta pola internacionalización e a mellora competitiva das empresas galegas "é o camiño a seguir".

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments