Wednesday, 11 April 2012 02:00

O Igape destina un millón de euros á liña para adiantar o cobro da colleita da uva polos produtores

Estes apoios da Consellería de Economía e Industria increméntanse en máis dun 50% nesta edición e facilitan ás pemes produtoras de uva a venda das súas producións. A liña de financiamento permitirá axilizar o pagamento de operacións de compra de uva por ata 15 millóns de euros. As bases desta liña publícanse hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Santiago, 11 de abril de 2012.- A Consellería de Economía e Industria destina unha partida de preto de 1 millón de euros á liña de financiamento que facilita que as pemes produtoras de uva poidan cobrar, canto antes, o 100% dos pagos pola venta das súas colleitas. As bases desta liña do Instituto Galego de Promoción Económica, habilitada mediante un convenio coas entidades financeiras, publícanse hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Deste xeito, os apoios facilitados pola Consellería de Economía e Industria increméntanse en máis dun 50%, con respecto a anterior edición, para facilitar a venda das colleitas ao axilizar o pago de operacións de compra de uva, que nesta ocasión poderán alcanzar un importe global de ata 15 millóns de euros. Mentres que na anterior campaña, acolléronse a está liña de financiamento 800 colleiteiros, o que lles permitiu acadar unha facturación de preto de 9,5 millóns de euros.

O obxectivo desta liña financeira específica é facilitar o financiamento das canles de distribución da uva da última campaña de cara aos mercados das adegas e demais industrias transformadoras. Co apoio da Xunta faise posible que os produtores cobren antes as súas producións, evitando que soporten excesivas cargas financeiras e favorecendo a súa viabilidade económica.

Ademais, este mecanismo tamén achega unha maior seguridade xurídica e facilita ás pemes produtoras de uva, directamente ou a través das súas asociacións, o financiamento da venda das súas producións.

O prazo de presentación de solicitudes nas entidades financeiras será de dous meses, a partir de mañá. As entidades adheridas son NCG Banco, BBVA, Banco Gallego e Caixa Rural Galega; a liña financeira está aberta á incorporación de novas entidades.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments