Saturday, 21 April 2012 02:00

Más de 70 empresas galegas mostran interese por iniciar ou consolidar os seus negocios con Rusia

A Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia e a Ceg organizaron un encontro e un taller "export networking" coa plataforma da rede Pexga para favorecer a apertura das empresas galegas a este mercado en crecemento. A Plataforma Pexga en Rusia desenvolveu arredor de trescentas accións ao servizo das empresas galegas. O director da oficina da Pexga en Rusia mantivo encontros e entrevistas individuais con representantes das setenta empresas ou asociacións empresariais interesadas.

Santiago, 21 de abril de 2011.- Máis de setenta empresas e asociacións empresariais de diferentes sectores participaron esta semana en Santiago nun encontro e un taller export networking coa plataforma empresarial Pexga en Rusia, amosando interese por iniciar ou consolidar as relacións comerciais con este mercado en expansión, de especial interese para Galicia polo seu potencial económico. A convocatoria incluíu un encontro co director do Igape, Javier Aguilera, no que participou tamén o director da rede Pexga, Armando Villanueva. Desde a súa apertura, no pasado mes de agosto, a plataforma asentada en Rusia desenvolveu arredor de trescentas accións ao servizo das empresas galegas.

Ao abeiro desta iniciativa, desenvolta no Igape, o director da oficina da Pexga en Rusia mantivo encontros e entrevistas individuais con representantes das setenta empresas ou asociacións empresariais interesadas que o solicitaron. O obxectivo desta iniciativa foi achegar ao tecido empresarial galego os servizos de internacionalización habilitados mediante a Rede Pexga, impulsada no marco do convenio de colaboración entre o Instituto dependente da Consellería de Economía e Industria e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Neste punto de encontro coa plataforma Pexga de Rusia destacaron as empresas de sectores relacionados coa construción, o agroalimentario, o de elaboración ou conservación de pescados, a fabricación de mobles e outras industriais manufactureiras. As solicitudes nas que coincidiron boa parte dos xestores de empresas que participaron nas entrevistas estiveron relacionadas con informes sectoriais, relacións de distribuidores rusos, localización de posibles aliados nos mercados obxectivo ou preparación de axendas de traballo para misións empresariais foron algunhas das solicitudes nas que coincidiron boa parte dos xestores de empresas que participaron nas entrevistas.

Como parte importante deste punto de encontro da plataforma Pexga de Rusia, desenvolveuse ademais un taller export networking no que participaron conxuntamente directivos de máis de vinte empresas galegas que tiveron a oportunidade de establecer contactos entre elas para avaliar posibilidades de colaboración para comezar ou consolidar os seus negocios co mercado ruso.

Este encontro foi valorado de xeito moi positivo polos empresarios participantes, que representaron a empresas de sectores tan diversos como a construción, fabricación de maquinaria e equipo mecánico, fabricación de mobles, ou I+D, entre outros. Durante os días que durou este punto de encontro, os empresarios que así o solicitaron tiveron tamén a oportunidade de recibir información facilitada por técnicos do Igape sobre as axudas e servizos habilitados polo Instituto para facilitar a internacionalización das empresas galegas.

Estes apoios forman parte fundamental da estratexia da Consellería de Economía e Industria orientada a impulsar a proxección exterior das empresas galegas, que este ano destina 12,5 millóns de euros para as axudas á internacionalización xa convocadas, e pon ao dispor das empresas apoios destinados ao financiamento da actividade exportadora co programa re-Export, servizos de asesoramento especializados con auditorías de internacionalización gratuítas e máis servizos de asesoramento en destino coa Rede Pexga.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments