Thursday, 20 September 2012 02:00

Economía e Industria impulsa o emprendemento no sector da biotecnoloxía co programa Bioemprende

O director do Instituto Galego de Promoción Económica presentou en Braga os resultados acadados por este programa europeo transfronteirizo liderado polo Instituto. Máis de 250 emprendedores e empresas participaron nos talleres especializados en xestión de empresas biotecnolóxicas. 35 bioemprendedores de Galicia e do Norte de Portugal recibiron asesoramento para trasladar ao mercado as súas ideas.

Braga, 20 de setembro.- A Consellería de Economía e Industria impulsa o emprendemento nos sectores innovadores como o relacionado coa biotecnoloxía, co desenvolvemento do programa Bioemprende, liderado polo Instituto Galego de Promoción Económica, ao amparo do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007/2013 (POCTEP), co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe a importante pulo que recibiu o emprendemento biotecnolóxico en Galicia e Norte de Portugal mediante este programa co traballo nas diferentes fases de creación ou desenvolvemento das empresas, desde a localización e maduración das ideas ata a consolidación e a proxección internacional das empresas.

Aguilera Navarro participou hoxe no seminario desenvolvido en Braga para divulgar os resultados do POCTEP e destacou que, grazas ao Bioemprende, máis de 250 emprendedores e empresas participaron nos talleres especializados en xestión de empresas biotecnolóxicas, ao tempo que 35 bioemprendedores de Galicia e do Norte de Portugal recibían asesoramento para trasladar ao mercado as súas ideas, procedentes da investigación académica na maioría dos casos.

O director do instituto adscrito á Consellería de Economía e Industria aproveitou a súa participación no encontro para salientar tamén que o desenvolvemento do programa Bioemprende serviu para localizar máis de 70 oportunidades de negocio no eido da biotecnoloxía, en ámbitos de actividade tan diversos como a vitivinicultura, as industrias cárnica e láctea, a biomasa forestal, o tratamento e xestión de residuos ou a transformación de produtos do mar, tanto en conservas como en procociñados.

Javier Aguilera destacou que a Consellería de Economía e Industria impulsou e liderou o programa Bioemprende porque a Xunta de Galicia aposta polo investimento produtivo e as actividades económicas de alto valor engadido, e porque considera a biotecnoloxía como un dos sectores estratéxicos para enfrontar os retos económicos, sociais e ambientais actuais.

O programa de cooperación transfronteiriza permitiu desenvolver unha análise do sector biotecnolóxico na eurorrexión e identificar os recursos biotecnolóxicos dispoñibles no territorio, ao tempo que se habilitou un observatorio transfronteirizo de innovación en biotecnoloxía e un viveiro virtual de empresas para promover as spin-off académicas e facilitar o desenvolvemento inicial destas iniciativas empresariais.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments