Wednesday, 26 September 2012 02:00

Javier Guerra destaca que a innovación achega as mellores oportunidades de crecemento ás pemes

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, mantivo un encontro con representantes da empresa Ceamsa no que destacou “o esforzo permanente” desta compañía de O Porriño por innovar e saír aos mercados exteriores co apoio de diferentes liñas do Igape.

O Porriño, 26 de setembro de 2012.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, salientou hoxe que a innovación é unha das mellores oportunidades de crecemento para as pequenas e medianas empresas galegas, nun encontro mantido con representantes da empresa Ceamsa.

Javier Guerra destacou “o esforzo permanente” desta compañía, pioneira en Galicia no uso das algas para produtos alimenticios, por mellorar e innovar nos produtos que ofrece, unha aposta que conta co apoio da Consellería de Economía e Industria a través dos diferentes programas de mellora competitiva do Igape así como o programa Innoempresa, e tamén das liñas de impulso á internacionalización.

O conselleiro sinalou a importancia desta empresa que emprega a máis de 100 persoas en Galicia, exporta o 85% da súa produción e conta cun departamento propio de I+D+i. Neste sentido, Guerra apuntou que os apoios prestados a esta empresa, ao abeiro dos diferentes programas do Igape, amosan que “ser máis competitivos no mercado e innovar” non son estratexias reservadas só aos proxectos empresariais de grandes dimensións.

O titular de Economía e Industria lembrou que no 2011 o Programa Innoempresa xunto coas liñas do Igape de apoio á Mellora Competitiva permitiron á Consellería apoiar un total de 1.080 proxectos e favorecer a mobilización de 46,5 millóns de euros. Ademais, este ano, a Consellería continúa a súa aposta a prol da consolidación destes dous programas pondo preto de 10,3 millóns de euros ao dispor das pemes que queren ser máis competitivas e facer máis innovadores os seus procesos e produtos.  

Guerra concluíu o encontro sinalando que a innovación é, agora máis que nunca, un motor de crecemento para as pemes, xa que segundo sinalou “non hai posibilidade de saír ao mercado internacional se non se fai un produto diferente” e engadiu que gran parte do “éxito” empresarial está na “innovación e na internacionalización”, por iso ambas forman parte fundamental da estratexia do Goberno da Xunta na reactivación económica de Galicia.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments