Santiago, 26 de outubro de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, reuniuse esta mañá en Santiago cunha delegación de importadores xaponeses que visitaron, nunha misión organizada por Clusaga, diversas adegas e fábricas de produtos agroalimentarios na procura de novos provedores.
Durante o seu encontro cos integrantes desta misión apoiada polo Igape a través do programa Galicia Exporta, Aguilera destacou a alta calidade dos alimentos galegos e salientou que este ano o 38% das exportacións galegas a Xapón, que creceron nun 31% ata o pasado mes de agosto, corresponden a produtos agroalimentarios e bebidas.
O ano pasado exportaron a Xapón un total de 274 empresas galegas, un 14% máis que en 2014. As empresas do sector alimentario, da man do clúster sectorial, teñen amosado o seu interese por seguir incrementando as relacións comerciais cun mercado tan importante e avanzado como o xaponés, que valora especialmente produtos alimentarios galegos que destacan pola súa calidade, como os viños, as algas, os xamóns ou as castañas.
De acordo co previsto na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega que está desenvolvendo a Xunta a través do Igape, as empresas dispoñen de servizos e liñas de apoio para cada fase de expansión exterior: desde os diagnósticos iniciais para coñecer o propio potencial ata as axudas para buscar novas oportunidades de negocio en feiras internacionais ou para consolidar proxectos de implantación comercial en mercados exteriores.
Logo de acadar un récord histórico en 2015, con máis de 18.830 millóns de euros, as exportacións galegas seguen a medrar no que vai de ano, cun incremento do 5,4% ata o pasado mes de agosto, catro veces máis que a media española, que se sitúa nun 1,3%. Estes datos sitúan a Galicia como a cuarta comunidade onde máis medran as exportacións, incrementándose nun 22,4% o saldo positivo da balanza comercial galega, que é a terceira mellor de España en termos absolutos.