Tuesday, 25 October 2016 18:58

A Xunta avalía o desenvolvemento dos investimentos 4.0 que están a impulsar doce empresas de automoción lideradas por Ceaga

O director do Igape, Javier Aguilera, participou nun encontro de traballo que tivo como dobre obxectivo coñecer os avances nos proxectos aprobados e facilitar o asesoramento necesario para a axeitada execución dos investimentos previstos. No marco da liña impulsada pola Xunta, están desenvolvendo propostas de Industria 4.0 empresas de sectores como o da madeira, da aeronáutica ou da alimentación.

Santiago, 25 de outubro de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, participou hoxe nun encontro de traballo destinado a avaliar a evolución dos proxectos que están a impulsar, no ámbito da Industria 4.0, doce empresas do sector da automoción que contan coa colaboración e o impulso de Ceaga. Os investimentos aprobados ascenden a 2,7 millóns de euros e contan con subvencións concedidas que suman 940.926 euros.

O encontro desenvolvido no Igape con responsables do clúster sectorial e das doce empresas que decidiron investir neste ámbito tivo un obxectivo dobre: coñecer os avances no desenvolvemento dos proxectos, aprobados ao abeiro do concurso de ideas para proxectos piloto demostradores de Industria 4.0; e facilitar o asesoramento necesario para procurar a correcta execución dos investimentos acollidos a este programa pioneiro.

No proxecto liderado por Ceagaparticipan 12 pemes que cobren a cadea de valor da automoción na súa práctica totalidade, por ser provedores de primeiro, segundo e terceiro nivel. Catro das empresas implicadas nestes investimentos 4.0 están localizadas no ámbito de Ourense, mentres que as oito restantes corresponden á área metropolitana de Vigo.

A maior parte dos proxectos en marcha inciden en ámbitos como a automatización e robotización dos procesos produtivos, na conectividade, ou na procura da eficiencia, a optimización e a calidade. Cinco das doce empresas que participan no proxecto liderado por Ceaga teñen previsto executalo co apoio do CTAG en calidade de colaborador externo.

O director do Igape, Javier Aguilera, salientou a diversidade de ámbitos da Industria 4.0 abordados polos diversos proxectos, chamados a servir como exemplo para outras empresas deste e doutros sectores industriais, e revelou que, nalgún caso, unha mesma empresa vai realizar a través deste proxecto investimentos en ata 10 tecnoloxías distintas das consideradas na convocatoria.

Ademais, de acordo co previsto na Axenda da Competitividade de Galicia-Industria 4.0, estanse desenvolvendo proxectos en empresas dos sectores da madeira, coas que xa se celebrou un encontro de seguimento, da aeronáutica ou da alimentación, que se prevé participen en sucesivos talleres cos mesmos obxectivos, e para impulsar iniciativas que marquen o camiño a seguir pola industria en Galicia.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments