Santiago, 30 de setembro de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou esta mañá na inauguración do Foro SmartMoney4Stars, no marco do Spin 2016 a firme aposta da Xunta pola promoción do talento e as novas tecnoloxías como bases firmes para consolidar proxectos de novos emprendedores con potencial para consolidarse nos mercados internacionais.
Aguilera salientou o apoio integral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ao abeiro da Lei de Emprendemento e da Unidade Galicia Emprende, para facilitar, mediante formación, asesoramento e financiamento, o deseño, a consolidación e a internacionalización de novos proxectos empresariais baseados no coñecemento.
O director do Igape lembrou que tanto a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 como a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia-RIS3 apuntan a novos modelos empresariais onde os centros tecnolóxicos, as universidades e os emprendedores xogan un papel fundamental na consolidación das empresas.
Destacou o emprendemento innovador como un dos piares sobre os que debe afianzarse a recuperación económica en marcha, un emprendemento apoiado en Galicia mediante iniciativas como a rede de aceleradoras ou os diferentes instrumentos de asesoramento e financiamento do Igape e Xesgalicia.
O Foro SmartMoney4Stars acolleu a presentación de 15 startups universitarias procedentes de Brasil, México, Portugal e España –entre elas a galega Appentra–, seleccionadas para participar neste programa de aceleración intensiva, facilitando o seu acceso a fontes de financiamento. Estas empresas tiveron a oportunidade de participar nun programa de formación intensiva e especializada, ademais de amosar as súas empresas diante de investidores asistentes ao Spin 2016, na procura de financiamento.
Appentra, a empresa galega seleccionada para participar no SM4S, proporciona ferramentas software de calidade para facilitar un uso extensivo das técnicas de computación de alto rendemento en áreas de actividade como enxeñaría, ciencia ou industria. Participou na aceleradora Galicia Open Future e conta con financiamento de Xesgalicia.
Aguilera salientou que desde o Goberno galego se está a potenciar un sector cultural innovador, de vangarda e de calidade, como ferramenta clave de vertebración económica e social, e sobre todo apostando por unha transformación do tecido produtivo baseado no coñecemento e a tecnoloxía como claves de futuro. Neste sentido, lembrou que se vai activar na Cidade da Cultura unha nova aceleradora, no ámbito de colaboración entre o Igape e a EOI, centrada en proxectos de industriais culturais con base na innovación e na tecnoloxía. Subliñou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria tamén conta coa plataforma Doing Business, creada para suprimir barreiras administrativa; ademais dos diferentes instrumentos financeiros do Igape e de Xesgalicia.
O programa Spin 2016 está organizado pola Rede Emprendia, da que forman parte 28 universidades de 8 países, e conta co apoio da Xunta a través das consellerías de Economía, Emprego e Industria; e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.