Cabana de Bergantiños (A Coruña) 20 de setembro de 2016.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, visitou hoxe o espazo coworking localizado no Centro de Día de Cabana de Bergantiños, onde un total de 17 emprendedores están a participar no primeiro taller formativo centrado no deseño do modelo de negocio empresarial.
Aguilera felicitou as emprendedores seleccionados para recibir formación empresarial e asesoramento gratuítos no marco do acordo de colaboración subscrito entre a Xunta, a través do Igape, e a Escola de Organización Industrial (EOI), no espazo de traballo cedido polo Concello de Cabana. Estes contarán con servizos de apoio personalizados para desenvolver as súas ideas de negocio e acelerar a posta en marcha das súas empresas.
Entre as ideas presentadas cabe salientar un proxecto de deseño e fabricación de maquinaria agrícola, outro para a transformación de produtos lácteos e outro para a comercialización de pataca de Bergantiños envasada ao baleiro.Tamén se presentaron varios proxectos que se apoiarán nas tecnoloxías da información e a comunicación para a distribución de produtos téxtiles ou complementos de fabricación propia ou para achegar servizos de distinto tipo mediante as novas tecnoloxías.
Así, ao abeiro deste marco de colaboración impulsado pola Xunta coa EOI e que conta co apoio do Fondo Social Europeo, os emprendedores da Costa da Morte disporán de diferentes servizos de formación, asesoramento e aceleración de proxectos, así como de instrumentos de apoio para poñelos en marcha.O obxectivo prioritario das iniciativas de coworking é acelerar o desenvolvemento de proxectos empresariais sobre o territorio; incrementando a probabilidade de éxito das ideas impulsadas polos emprendedores –neste caso– da costa de Morte e facilitando a súa posta en marcha e a súa consolidación temperá.
No marco da actuación de aceleración de proxectos empresariais, poderán participar en total, durante os dous próximos anos, máis de 1.500 persoas con vocación emprendedora en toda Galicia, nas seis novas aceleradoras de emprendemento que veñen de activarse en Cabana e nas localidades de Ferrol, Monforte, Mondoñedo, Celonova e Xinzo. En cada unha destas sedes haberá catro edicións sucesivas que se desenvolverán durante 5 meses cada unha e que poderán acoller, en cada caso, entre un e tres emprendedores por cada un dos proxectos seleccionados para cada edición.