Monday, 19 September 2016 08:41

A Xunta traslada a directivos de industrias europeas o potencial do sector galego da madeira para acoller investimentos tecnolóxicos

O director do Igape, Javier Aguilera, clausurou na Coruña o TAF Meeting, que reuniu a preto de 30 directivos de empresas localizadas en mercados como Noruega, Finlandia, Lituania, Austria, Suíza ou Francia, especializadas na produción de taboleiros hardboard e softboard.

A Coruña, 16 de setembro de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, clausurou este mediodía na Coruña o TAF Meeting 2016, que reuniu en Galicia a preto de 30 directivos de industrias europeas especializadas na produción de taboleiros de madeira de alta ou de baixa densidade, empregados como compoñentes para automoción, mobles ou na construción, por unha banda, ou como mantas illantes, pola outra.

Diante dos directivos de industrias establecidas en mercados como Noruega, Finlandia, Lituania, Austria, Suíza, Estonia ou Francia, Javier Aguilera salientou, durante o encontro, organizado baixo a coordinación da compañía Betanzos HB, a decidida aposta da Xunta por captar, no marco da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, novos investimentos tecnolóxicos que incorporen valor á industria de transformación da madeira.

Galicia é unha das potencias forestais de Europa, cunha superficie arborada que cobre case a metade do seu territorio. O director do Igape salientou que o monte galego conta ademais cunha elevada produtividade, polo que Galicia produce o 50% da madeira española.

O sector da madeira e do moble en Galicia está integrado por 3.000 empresas que facturan máis de 1.700 millóns de euros, xerando un volume de emprego directo e indirecto que ascende a 70.000 postos de traballo. Este sector empresarial, estratéxico para Galicia, está a ser un dos pioneiros na promoción dos investimentos na Industria 4.0.

 

 

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments