Thursday, 08 September 2016 14:36

A Xunta destaca que Termatalia México 2016 impulsa ao sector termal galego e permite captar turismo especializado

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, asinou esta mañá coa Fundación Feiras e Exposicións de Ourense un convenio de cooperación co que se busca promocionar o termalismo galego en América Latina. A mostra, que se desenvolverá en Coahuila (México) do 29 de setembro ao 1 de outubro, reunirá a arredor de 200 expositores de 25 países e consolidará Termatalia como a única feira especializada a nivel mundial que representa unha ponte termal entre Europa e América Latina. Os retos son conseguir que as exportacións latinoamericanas sigan por riba dos 1.000 millóns de euros e que continúe medrando o número de empresas que exportan a México, preto de 500 o pasado ano, un 14% máis.

Ourense, 8 de setembro de 2016.- O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Javier Aguilera, e o presidente executivo de Expourense, Juan Carlos Parada, asinaron hoxe o convenio de colaboración polo que a Xunta apoia a celebración de Termatalia México 2016, mostra especializada que se desenvolverá en Arteaga, no estado de Coahuila, co dobre obxectivo de promocionar o negocio exterior das empresas galegas especializadas na xestión de augas e captar turismo especializado cara a Galicia.

Aguilera salientou o potencial do sector turístico galego e, en concreto, a experiencia tecnolóxica en xestión de augas, especialmente no eido do sector termal e na provincia de Ourense, como activos para manter a positiva progresión internacional nestes ámbitos de actividade económica.

Segundo o director do Igape, o reto é conseguir que sigan medrando as exportacións a México e o número de empresas exportadoras a ese mercado, ao que venderon preto de 500 empresas o ano pasado, un 14% máis có anterior; lograr que as exportacións a América Latina se manteñan por riba dos 1.000 millóns de euros, co mercado mexicano como locomotora; e conseguir que o termalismo galego se vexa como reclamo para captar turismo procedente de América Latina.

Contando co apoio da Xunta, Termatalia México acollerá unha exposición representativa dos balnearios de Galicia e mostrará aos visitantes profesionais un centro termal/balneario con equipamentos funcionando, entre outras ofertas. A mostra, que se desenvolverá do 29 de setembro ao 1 de outubro, reunirá a arredor de 200 expositores de 25 países e acollerá un centro de negocios para facilitar os contactos bilaterais directos entre provedores e compradores, un bar de augas ou un espazo para a realización dunha cata de augas.

Termatalia e unha feira especializada no ámbito termal que está a consolidar unha ponte termal entre Europa, desde Galicia, e América Latina. A feira celebrou xa trece edicións en España e a nivel internacional desenvolveuse en 2012 en Perú e na Arxentina, en 2014. A marca galega busca agora consolidar o termalismo galego en América Latina desde o evento de México.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments