Wednesday, 31 August 2016 13:19

A Xunta salienta a aposta da empresa viguesa Ibercisa por optimizar os seus procesos produtivos para mellorar a súa competitividade

O director do Igape, Javier Aguilera, visitou esta mañá as instalacións da compañía, especializada na fabricación de winches e maquinaria naval de uso en cuberta. Con máis 25 millóns de euros facturados o pasado ano, Ibercisa Deck Machinery emprega a preto de 100 traballadores e exporta o 92% da súa produción a 35 países de todo o mundo.

Vigo, 31 de agosto de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe a aposta decidida da empresa Ibercisa Deck Machinery pola optimización dos seus procesos produtivos para seguir reforzando a súa competitividade e ampliando os seus mercados. Esta compañía viguesa emprega a 98 traballadores, factura máis de 25 millóns de euros e exporta o 92% da súa produción a 35 mercados exteriores.

Para favorecer a competitividade de Ibercisa en ámbitos tanto produtivos como loxísticos, a compañía acolleuse ao programa ReAcciona do Igape para optimizar o uso das súas instalacións e os seus procesos. Estes proxectos de mellora desenvolvidos incidiron  especialmente na ordenación dos postos de traballo e na loxística interna da fábrica, habilitando un novo almacén de compoñentes.

Aguilera salientou a importancia de colaborar coas pemes galegas para, ademais de achegar diagnósticos de competitividade, desenvolver servizos que faciliten a execución de proxectos de mellora en ámbitos como a optimización do financiamento, o desenvolvemento estratéxico integral, a redefinición do modelo de negocio, a optimización de procesos de produción e cadea loxística, o relanzamento comercial, os protocolos de sucesión na empresa familiar ou a identificación de aliados e redes de cooperación.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments