Vigo, 5 de agosto de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, destacou en Vigo, durante a súa visita a Atendo, o compromiso desta empresa coa mellora da súa competitividade mediante a optimización dos seus servizos de atención a persoas dependentes, contando para elo co apoio do programa ReAcciona que, segundo recordou, vén de ser activado esta mesma semana tras a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da primeira convocatoria da nova edición.
Co apoio do programa ReAcciona, Atendo puido localizar os aliados máis axeitados para impulsar un relanzamento da compañía mediante un salto cualitativo cara a procesos innovadores, tanto en materia de produtos como de novos servizos aos seus usuarios. Cun cadro de persoal integrado por 150 traballadores, Atendo é unha empresa especializada na asistencia e coidado de persoas maiores, achegando apoio ás familias a través de servicios de centros de día, axuda no fogar, vivenda comunitaria, unidades de memoria e clínicas especializadas.
Durante a súa visita ás instalacións da empresa, Aguilera salientou que se acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia –o pasado 3 de agosto– a nova convocatoria do programa ReAcciona, polo que xa está aberta a presentación de solicitudes ata o próximo 16 de setembro. Adiantou igualmente que o programa abrirá convocatorias sucesivas en outubro e novembro deste ano e en xaneiro de 2017.
A nova edición do programa ReAcciona facilitará a implantación de arredor dun milleiro de proxectos de mellora en arredor de 600 pemes galegas, en aspectos como a optimización de procesos, a profesionalización da produción, a procura de aliados e redes de cooperación ou o relanzamento comercial.
O director do Igape lembrou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén activados actualmente programas como Galicia 1000 ou Galicia Inviste para procurar que as pemes dispoñan de servizos e apoios á medida das súas necesidades para funcionar, para investir, para incrementar a súa competitividade ou para internacionalizarse. Para cubrir eses obxectivos, as empresas galegas poden acceder a fondos de capital risco, préstamos directos, préstamos participativos ou préstamos bonificados ou avalados polo Igape, así como a liñas de axuda para investir ou crear emprego.