Santiago, 28 de xullo de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe a formación tecnolóxica específica como un elemento clave para a mellora da competitividade mediante a incorporación ás empresas, a través do seu capital humano, das tecnoloxías 4.0. Aguilera participou en Santiago nun encontro técnico sobre as bases de axudas que se activarán proximamente para formar a traballadores e mandos intermedios das pemes e avanzar, deste xeito, na implantación en Galicia da chamada fábrica intelixente.
Durante a súa intervención nesta xornada, Aguilera subliñou que, co obxectivo de impulsar as capacidades industriais do tecido empresarial, a Xunta ampliará o seu esforzo neste ámbito para formar durante os vindeiros meses a 4.000 traballadores e mandos intermedios de pemes galegas en tecnoloxías, procesos e metodoloxías da Industria 4.0.
A través das Bases de Formación en Industria 4.0 achegarase apoio específico a organismos intermedios como clusters ou centros tecnolóxicos que establezan programas formativos para traballadores en ámbitos como a robótica, o tratamento masivo de datos (Big Data), os vehículos autónomos, internet das cousas, a ciberseguridade ou a Loxística 4.0. Ademais, o programa incluirá apoio a accións para mandos intermedios das empresas galegas, co obxectivo de que se formen en eidos como os novos procesos de organización industrial nacidos da implantación da Industria 4.0.
A iniciativa busca favorecer o impulso da fábrica intelixente e a empresa conectada en Galicia e, polo tanto, a consolidación do novo modelo económico, a chamada Industria 4.0. A Xunta investirá 700.000 euros, cofinanciados co Fondo Social Europeo, para o desenvolvemento deste programa de formación específica dirixido a organismos intermedios que organicen plans formativos nos que participen persoas vinculadas coas pemes.
As axudas, ademais de beneficiar directamente aos 4.000 traballadores ou cadros intermedios estimados como potenciais beneficiarios, contribuirán a que as empresas avancen no camiño cara o tecido empresarial intelixente que promove a Xunta a través do desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0.
O programa regula a concesión de axudas que cubrirán o 50% do custo das accións formativas. En cada iniciativa, deberá participar un mínimo de 5 traballadores de pemes con centro de traballo ou sede social en Galicia, ademais de contar cunha duración presencial mínima de 30 horas para cada participante. As accións formativas poderán levarse a cabo ata o 30 de xuño de 2017.
A concesión das axudas resolverase en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta o tipo de proxecto, número de traballadores participantes, experiencia previa dos formadores ou a inclusión da actividade formativa nun plan estratéxico. Esta pioneira iniciativa súmase a outra serie de medidas impulsadas desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria, como o Concurso de Ideas Industria 4.0, que supón a porta de entrada á fábrica intelixente para 38 pemes galegas que participan nos proxectos presentados polos clusters Ceaga (automoción), CMD (madeira), Clusaga (alimentación) e Asime (aeronáutico).