Santiago, 21 de xullo de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe as oportunidades de negocio que as empresas galegas poden atopar no mercado marroquí, ao que exportaron o ano pasado 535 compañías, para reforzar a súa presenza en África. Durante a súa intervención na xornada técnica que contou coa participación do director da plataforma Pexga en Marrocos, destacou tamén o esforzo que está a facer a Xunta para consolidar os avances das exportacións galegas.
Durante a súa participación no encontro específico organizado polo Igape e a CEG, Aguilera subliñou que máis de 1.000 empresas galegas exportaron a mercados africanos durante os catro primeiros meses deste ano. Durante o último trienio, as exportacións galegas a África contabilizaron importes medios anuais que superaron os 1.500 millóns de euros, dos que unha terceira parte corresponderon ao mercado marroquí.
O director do Igape, durante a súa participación nesta xornada celebrada na sede da CEG en Santiago, amosouse convencido de que as empresas galegas dispoñen de potencial e tecnoloxía para seguir incrementando os seus contratos e as súas exportacións cara a mercados en crecemento como Marrocos, que brinda oportunidades comerciais en eidos como a automoción, a pesca, as TIC, o téxtil, a madeira e as enerxías renovables. Tamén destacou a importancia de que, fronte ao reto dos mercados exteriores, as empresas conten co asesoramento axeitado, tanto en orixe como en destino, e coñezan os instrumentos de financiamento e de seguridade xurídica ao seu dispor para poder apostar pola súa expansión exterior con garantías.
Aguilera subliñou o compromiso da Xunta para apoiar ás pemes galegas que buscan iniciar ou ampliar a súa expansión exterior. A este respecto, lembrou que, a través do programa Galicia Exporta, o Igape vén de conceder axudas por preto de 6 millóns de euros para contribuír á internacionalización de preto de 400 compañías, tanto mediante iniciativas individuais como mediante accións agrupadas baixo a coordinación de 26 clústers e asociacións empresariais dos principais sectores estratéxicos de Galicia. Os proxectos de promoción exterior apoiados prevén accións orientadas cara a máis dun cento de mercados de todo o mundo.
O director do Igape destacou que a vocación das pemes galegas por acceder a novos mercados, xunto co esforzo da Xunta para apoiar eses procesos no marco da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, está a consolidar avances continuados nos mercados exteriores. Así, segundo salientou, logo do récord histórico de 2015, cunhas exportacións de 18.830 millóns de euros, nos cinco primeiros meses deste ano as vendas ao exterior creceron nun 6,4% con respecto ao mesmo período de 2015.