Thursday, 30 June 2016 15:09

A Xunta destaca a aposta de Frigobotana pola mellora da competitividade como garantía para consolidar o seu crecemento

O director do Igape, Javier Aguilera, subliña o compromiso da compañía localizada no porto da Coruña co programa ReAcciona para desenvolver un proxecto de futuro que afiance a súa progresión e internacionalización. Destaca, durante a visita á empresa, que máis de 600 pemes galegas melloraron a súa competitividade a través de máis de 1.000 proxectos coordinados mediante a iniciativa Reacciona, que se activará de novo este ano. Aguilera salienta que a Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén operativos, a través do Igape, programas como Galicia 1000 ou Galicia Inviste para que as pemes conten cos apoios que precisen para investir, medrar en actividade e emprego ou internacionalizarse.

A Coruña, 30 de xuño de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, visitou esta mañá a empresa coruñesa Frigorífica Botana, da que destacou a súa aposta pola mellora da competitividade como principal garantía para consolidar o seu crecemento dos últimos anos e a súa progresiva internacionalización.

Durante a súa visita ás instalacións da empresa no porto da Coruña, Aguilera subliñou que a compañía desenvolve un proxecto estratéxico de futuro co apoio do ReAcciona, un programa autonómico que xa facilitou a mellora competitiva de máis de 600 pemes galegas e que este ano reactivarase de novo.  

Nos últimos anos, Frigorífica Botana, empresa especializada no procesamento e comercialización de produtos pesqueiros, está a medrar de xeito continuado, ata acadar unha facturación de 15 millóns de euros, grazas á súa apertura cara a mercados internacionais. A compañía procesa e distribúe produtos pesqueiros en máis de 25 países de todo o mundo, e agarda seguir medrando mediante o novo plan estratéxico deseñado co apoio do programa ReAcciona.

Aguilera recordou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén activados neste momento programas como Galicia 1000 ou Galicia Inviste para procurar que as pemes conten cos apoios que precisen, á medida dos seus proxectos para operar con normalidade, investir, crear emprego, mellorar a súa competitividade ou acceder a novos mercados internacionais.

Neste sentido, salientou que as empresas galegas poden acceder a capital risco, préstamos directos, préstamos participativos ou préstamos bancarios bonificados ou avalados polo Igape, así como a axudas que cubren ata o 35% dos seus investimentos, a partir de 50.000 euros, en novos equipamentos ou proxectos intensivos en creación de emprego.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments