Santiago, 16 de xuño de 2016.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das bolsas do programa ReAcciona, nas que a Xunta investirá este ano máis dun millón de euros para facilitar a especialización e o acceso ao mercado laboral de 100 novos titulados e o reforzamento da capacidade competitiva das Pemes e a súa adaptación á Industria 4.0.
As bolsas ofrecerán aos beneficiarios formación especializada de 40 horas antes e despois do período de prácticas, que será dun ano de duración. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes. O obxectivo é que os bolseiros se especialicen e amplíen as súas posibilidades de inserción laboral colaborando na implantación de tres ou catro proxectos de mellora competitiva en empresas, clústeres ou entidades axentes de Unidade Galicia Emprende, sempre baixo a coordinación do Igape.
A nova convocatoria destas bolsas está dirixida a universitarios galegos que obtivesen a súa titulación en Física, Enxeñaría, Matemáticas, Química, Administración e Dirección de Empresas, Economía, Dereito, Bioloxía/Biotecnoloxía ou Farmacia no período 2010-2015. A bolsa que percibirán os seleccionados increméntase nesta edición, sendo de 900 euros ao mes. A dedicación será a tempo completo e a incorporación ás empresas comezará despois do verán. O proceso de selección farase polo sistema de concorrencia competitiva, baseándose no expediente académico, a formación adicional, a titulación obtida e o coñecemento de idiomas.
A convocatoria de bolsas que vén de ser publicada enmárcase no programa ReAcciona do Igape, que se reactivará proximamente, para reforzar a capacidade competitiva das pemes galegas e a súa adaptación á Industria 4.0. Este plan busca mellorar a xestión das empresas mediante asesoramento especializado e este ano, como novidade, inclúe unha convocatoria específica para a implantación da fábrica intelixente.