A Coruña, 15 de xuño.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou os avances acadados co desenvolvemento da Axenda da Competitividade de Galicia-Industria 4.0, mediante achegas como os Plans de sistemas sectoriais para coñecer a realidade tecnolóxica das empresas e apoialas cos seus procesos de dixitalización e conectividade, ou a través das xornadas técnicas específicas organizadas conxuntamente con entidades como a Asociación para o Progreso da Dirección (APD).
Durante a súa participación na presentación do foro sobre Retos e oportunidades da empresa ante a Industria 4.0, organizada en colaboración con APD no marco do programa Capacita Directivos, o director do Igape destacou esta mañá na Coruña a recente resolución do concurso de ideas cara á fábrica intelixente, que gañaron os proxectos agrupados presentados por Ceaga, o Clúster da Madeira, Clusaga e Asime.
Aguilera indicou que estes proxectos permitirán mobilizar investimentos de 7,5 millóns de euros en 38 empresas de sectores como automoción, industria da madeira, agroalimentación e aeronáutico, que incorporarán novas tecnoloxías e en ámbitos como a robotización, a automatización ou a intercomunicación home-máquina ou máquina-máquina.
Segundo o director do Igape, os avances cara á fábrica intelixente constitúen un reto e unha necesidade que as empresas están preparadas para cubrir, co apoio dos organismos intermedios que as representan e da administración, para mellorar a súa competitividade e acceder a novas oportunidades, tanto a nivel local como global.
Entre os avances acadados no ámbito da Industria 4.0, o director do Igape referiuse tamén aos Plans de sistemas sectoriais realizados conxuntamente co Clúster TIC para localizar as necesidades para promover o aproveitamento de oportunidades de mellora que a implantación de tecnoloxías informáticas permitirá nas empresas de sectores estratéxicos como o téxtil, o agroalimentario ou o da madeira, así como noutros sectores que tamén deben apostar pola dixitalización e a conectividade.
A xornada sobre Retos e oportunidades da empresa ante a Industria 4.0, que se desenvolveu onte en Vigo e hoxe na Coruña, inclúe relatorios sobre a revolución dixital ou a robótica na industria do futuro, así como experiencias de empresas galegas como CIE Galfor, DS Smith ou Grupo Garavilla nestes ámbitos.