Thursday, 02 June 2016 15:21

A Xunta e a EOI formarán a 500 emprendedores nas dúas aceleradoras que se impulsan en Ourense

O director do Igape, Javier Aguilera, informou da colaboración do Goberno galego e o Ministerio de Industria para desenvolver espazos coworking en Celanova e Xinzo de Limia durante os dous próximos anos. O acordo inclúe que, a estas dúas aceleradoras, sumaranse catro máis en Cabana de Bergantiños, Monforte, Mondoñedo e Ferrol. O obxectivo da iniciativa, enmarcada dentro da Rede de Aceleradoras da Xunta, é impulsar o reequilibrio da actividade empresarial sobre o territorio e aumentar as posibilidades de éxito dos proxectos emprendedores

Ourense, 2 de xuño.- A actuación impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e o Ministerio de Industria, a través da Fundación Escuela de Organización Industrial (EOI), permitirá a 500 emprendedores de Ourense recibir formación e asesoramento gratuíto nos espazos que en datas próximas se van habilitar nos locais do Auditorio Municipal de Celanova e na Casa da Cultura de Xinzo de Limia.

Estas iniciativas enmárcanse dentro do acordo de colaboración impulsado por ambas administracións para facilitar a apertura de seis novas aceleradoras de emprendemento en Galicia e que beneficiarán, durante 2 anos, a arredor de 1.500 persoas con vocación emprendedora.

O director do Igape, Javier Aguilera, e o director de Iniciativa Emprendedora, Innovación e Pemes da EOI, Miguel Sánchez Galindo, presentaron hoxe en Celanova e en Xinzo de Limia os novos espazos . En cada acto, estiveron acompañados polo alcalde da localidade. Todos os representantes públicos coincidiron en salientar a importancia da cooperación entre administracións para dar un novo pulo ao emprendemento.

Para a Xunta, o emprendemento constitúe un dos piares básicos de actuación para consolidar a recuperación económica e xerar emprego. Cara a ese obxectivo, e para procurar que os emprendedores dispoñan dos diferentes servizos e instrumentos de apoio, a Administración autonómica promove, no marco da Lei do Emprendemento, a cooperación con todas as entidades que traballan neste eido, como é o caso da EOI.

O proxecto de impulsado coa EOI disporá dunha achega conxunta de 4,8 millóns de euros. A Xunta aportará, a través do Igape, 960.000 euros en dous anos, e a EOI a cantidade restante contando coa cofinanciación do FSE. Os directores do Igape e da EOI salientaron a importancia da cooperación dos concellos, que ceden os locais para a formación e asesoramento dos emprendedores e para a posta en marcha e aceleración dos mellores proxectos, que serán titorizados por expertos na primeira fase de posta en marcha.

O obxectivo prioritario das iniciativas de presentadas hoxe é acelerar o desenvolvemento de proxectos empresariais sobre o territorio; incrementando a probabilidade de éxito das ideas impulsadas polos emprendedores ourensáns nun período limitado de tempo, identificando aqueles con maior potencial de desenvolvemento e facilitando a súa posta en marcha e consolidación.

As outras catro aceleradoras que se porán en marcha en Galicia estarán emprazadas en Cabana de Bergantiños, onde se presentou onte, Monforte, Mondoñedo e Ferrol, sempre co obxectivo de impulsar o reequilibrio da actividade empresarial sobre o territorio. En cada unha das sedes haberá catro convocatorias sucesivas que se desenvolverán durante uns 5 meses cada unha e que poderán acoller, en cada caso, a máis de 60 emprendedores-impulsores dun máximo de 22 proxectos por convocatoria e localización. En total, poderán participar nesta iniciativa 1.500 emprendedores galegos.

O apoio integral da Xunta ao emprendemento inclúe programas de formación e asesoramento que se reforzan coas accións que agora comezan na Costa da Morte; axudas financeiras ou préstamos participativos a través de fondos como o Galicia Iniciativas Emprendedoras de Xesgalicia, ou financiamento privado a través da Rede Galega de Business Angels; e instrumentos de apoio á consolidación e desenvolvemento de novos proxectos empresariais como a Rede Galega de Mentores, con expertos en xestión empresarial que apoian o desenvolvemento de novas empresas.

Este marco de apoio amplíase, grazas ao acordo entre o Igape e a EOI, coas 6 aceleradoras, que se suman ás creadas mediante acordos con outras entidades ou empresas como Zona Franca (Vía Galicia) ou Telefónica (Galicia Open Future). Agrobiotech é outro dos programas de aceleradoras da Xunta.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments