Friday, 20 May 2016 14:57

A Xunta destaca que o Porto Seco de Monforte será clave na optimización e coordinación de todas as infraestruturas de Galicia


O director do Igape, Javier Aguilera, salientou no Foro do Porto Seco o espírito de cooperación entre administracións para converter este parque empresarial nunha panca para a consolidación do tecido empresarial na comarca. Informou de que o Plan de Optimización Loxística está chamado a posicionar a Galicia como porta de entrada a Europa.

Monforte, 20 de maio de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, asistiu hoxe á celebración do Foro do Porto Seco, celebrado na localidade lucense de Monforte e no que informou da próxima convocatoria do concurso para a elaboración do Plan de Optimización Loxística de Galicia, que servirá como documento de base para facilitar a coordinación, adecuación de taxas e especialización dos portos, aeroportos, transportes ferroviarios e plataformas como a de Monforte. A elaboración deste Plan impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria permitirá sacar o máximo rendemento ao uso do Porto Seco.

Aguilera subliñou o compromiso da Xunta con esta infraestrutura e puxo como exemplo a firma do convenio para implantar o sistema de depuración independente. Neste sentido, indicou a importancia de manter un espírito de cooperación entre as diferentes administracións, entidades empresarias e colectivos sociais para converter o Porto Seco nunha panca para a consolidación do tecido empresarial tanto na comarca monfortina como no resto de Galicia.

O director do Igape amosouse convencido de que con este Plan, que se comezará a desenvolver de inmediato ao abeiro da Axenda da Competitividade Galicia- Industria 4.0, se facilitará a conversión de Galicia na plataforma loxística do sur de Europa, consolidando a posición estratéxica da comunidade autónoma como porta de entrada a Europa tanto desde Latinoamérica como desde África.Entre os retos da Axenda da Competitividade Galicia- Industria 4.0, figuran os de facilitar o acceso a solo industrial e as medidas de optimización loxística  para artellar un sistema integrado e único de infraestruturas para o transporte de mercadorías.

A Axenda da Competitividade aposta por incrementar ata o 20%, no horizonte de 2020, o peso da industria sobre o PIB galego, así como sumar 50.000 empregos industriais.O Foro do Porto Seco reuniu hoxe no Parador de Turismo de Monforte a representantes da Xunta, da Deputación de Lugo e dos concellos das comarcas próximas. Tamén participaron no encontro representantes dos principais portos de Galicia, do Eixo Atlántico, da CEG e das universidades galegas, entre outras institucións.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments