Monday, 25 April 2016 15:20

A Xunta destaca a cooperación como clave para avanzar na internacionalización cara a mercados como Rusia ou Colombia

O director do Igape, Javier Aguilera, participa na apertura do punto de encontro empresarial coas plataformas de rede Pexga neses mercados que se desenvolverá durante toda esta semana en diferentes cidades de Galicia. Destaca que quince empresas están a colaborar para implantarse comercialmente en Colombia ao abeiro de catro proxectos Primex apoiados polo Igape. Subliña que este ano, a través do programa Galicia Exporta, dotado con preto de 10 millóns de euros, a Consellería de Economía, Emprego e Industria achega un novo impulso á internacionalización das pemes galegas. Desde 2009, as exportacións desde Galicia a Colombia e Rusia medraron nun 64% e nun 46%, respectivamente.

Santiago, 25 de abril de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe a cooperación como unha das claves para seguir avanzando na internacionalización do tecido empresarial galego e no crecemento das exportacións, que en 2015 pecharon cun novo récord histórico, 18.831 millóns de euros. Neste sentido, destacou que a evolución segue a ser positiva e as vendas ao exterior medraron un 7% nos dous primeiros meses deste ano con respecto ao mesmo período do ano anterior, por riba da media estatal.

 Aguilera salientou que o traballo en colaboración –entre grupos de empresas, a través dos clusters e das asociacións empresariais, ou da man das cámaras de comercio–,coordinado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Igape, ten contribuído ao bo comportamento do comercio exterior galego durante os últimos anos. Desde 2009, as exportacións de Galicia a Colombia e Rusia medraron nun 64% e nun 46%, respectivamente.

Un total de 229 empresas exportaron a Colombia durante o ano pasado, mentres que a Rusia exportaron 139. Ademais, o director do Igape destacou que quince empresas da comunidade, de ámbitos como a enxeñaría, a construción, as instalacións eléctricas ou os servizos, se implantaron comercialmente en Colombia ao abeiro de catro proxectos Primex baseados na cooperación e apoiados polo Igape.

O director do Igape considerou que precisamente a cooperación permite compartir riscos e estratexias e avanzar con maior rapidez e seguridade no ámbito internacional, ao tempo que fai posible que as empresas poidan contar con asesoramento e asistencia en destino, a través das plataformas da rede Pexga en colaboración coa CEG. Uns servizos que en encontros como o que comeza hoxe se facilita en orixe, para que as empresas poidan facer consultas ou encargos concretos con respecto aos mercados de Colombia e Rusia, engadiu.

O director do Igape destacou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ademais de manter activos programas como Galicia 1000 ou Galicia Inviste para que as pemes conten cos apoios que precisen para investir e crear emprego, está a facer este ano un esforzo especial no ámbito da internacionalización, a través do programa Galicia Exporta, dotado con case 10 millóns de euros para apoiar a presenza das empresas en eventos expositivos internacionais ou para facilitar a contratación de xestores de internacionalización.O encontro coas plataformas Pexga en Colombia e Rusia inclúe entrevistas privadas a demanda das empresas interesadas e talleres sectoriais cos directores das oficinas que se desenvolverán en Santiago, Vigo, Lugo e Ourense.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments