A Coruña, 18 de abril de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, e o director de Xesgalicia, Juan Cividanes, participaron esta mañá nunha xornada técnica con empresarios da comarca da Coruña para achegar información sobre os instrumentos activados este ano pola Consellería de Economía, Emprego e Industria tanto para apoiar novos investimentos como para ampliar ou desenvolver proxectos xa en marcha.
Aguilera destacou que, no ámbito do programa Galicia 1000, o Igape e Xesgalicia dispoñen dun catálogo de instrumentos para favorecer a actividade empresarial e a realización de novos investimentos entre os que destacou o capital risco, os préstamos participativos ou directos e os préstamos bonificados ou avalados para facilitar o acceso ao financiamento.
O director do Igape recordou, así mesmo, que o Instituto mantén aberto a novas solicitudes o programa Galicia Inviste, con liñas de axudas para cubrir ata o 35% de investimentos, comprendidos entre 50.000 e 900.000 euros, tanto en novos equipamentos produtivos como en proxectos xeradores de postos de traballo. O obxectivo destes programas é procurar que as pemes conten en todo momento cos apoios que precisen, adecuados aos seus proxectos para investir, crear emprego, acceder a novos mercados exteriores ou funcionar con normalidade, engadiu.
Pola súa parte, o director de Xesgalicia destacou os instrumentos de capital risco dos que dispón a Consellería de Economía, Emprego e Industria para apoiar os investimentos empresariais en Galicia, en cada fase de desenvolvemento dos proxectos: arranque e primeiro crecemento, a través do Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras; consolidación e crecemento, mediante os Fondos Xes Innova e I2C; diversificación, co apoio de Sodiga ou o Fondo Emprende; ou para reactivar empresas, a través do Fondo Adiante.
Cos instrumentos activados ao abeiro dos programas Galicia 1000 e Galicia Inviste, a Consellería de Economía, Emprego e Industria está preparada para procurar que ningún proxecto empresarial viable quede sen desenvolver por falta de instrumentos de apoio adecuados ás súas necesidades financeiras.