Thursday, 14 April 2016 17:48

A Xunta salienta a importancia de trasladar o coñecemento universitario ao mundo da empresa na entrega dos premios Argos

O director do Igape, Javier Aguilera, destaca a oferta de fondos de capital risco da Xunta para apoiar a creación de novas empresas, como o fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras, ou para as primeiras fases de desenvolvemento de proxectos especialmente innovadores a través do Xes-Innova ou i2C. A Consellería de Economía, Emprego e Industria colabora na selección de proxectos presentados aos premios Argos e achega instrumentos de asesoramento e apoio aos emprendedores que os demandan.

Santiago, 14 de abril de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, asistiu hoxe á entrega dos premios Argos, convocados pola USC e a incubadora de empresas Uninova, na que destacou a importancia de trasladar ao mundo empresarial o coñecemento universitario para conseguir as fábricas do futuro que Galicia persegue, no ámbito da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0.

Durante a súa intervención, Aguilera salientou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Unidade Galicia Emprende, que coordina o Igape, pon a disposición dos emprendedores, que buscan crear un nova empresa e dos novos empresarios que buscan consolidar as súas compañías, un completo abano de servizos e apoios, xunto con instrumentos, como a Rede Galega de Mentores, con empresarios expertos dispostos a compartir, de xeito altruísta, a súa experiencia en xestión con novos emprendedores.

Logo de felicitar aos promotores dos proxectos gañadores do programa Argos 2016 -Meetlab, na categoría Enxeño, e Genetics and Drug Response, na categoría Argos SPIN-, o director do Igape lembrou que a Xunta mantén activados variados instrumentos de apoio para financiar proxectos emprendedores, especialmente os de carácter innovador. Así, recordou que os emprendedores poden acceder a fondos de capital risco, como o Galicia Iniciativas Emprendedoras para o arranque de novos proxectos, ou a Xes-Innova e i2C, para as primeiras fases de desenvolvemento de iniciativas innovadoras en marcha. Lembrou tamén a creación da Rede galega de Business Angels, para facilitar a confluencia de recursos públicos e privados e ampliar as posibilidades de financiamento de novas empresas.

No acto, no que tamén estivo presente o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, resultaron distinguidos así mesmo, os proxectos Diario do Mar (Enxeño), Adega e Lacteal (Argos SPIN). Os premios Argos teñen como obxectivo sensibilizar e adestrar estudantes e investigadores da USC no proceso de elaboración de plans de negocio e promover, igualmente, a creación de novas empresas desde a comunidade universitaria.

Os emprendedores dos proxectos seleccionados reciben asesoramento para a definición das súas ideas de negocio ou para convertelas en proxectos empresariais, e teñen acceso gratuíto a módulos de preincubación para avanzar no proceso de maduración, ademais de contar con achegas económicas para a súa constitución.

Desde a primeira edición, tanto o Igape como GAIN participan na selección de proxectos gañadores, ao tempo que achegan servizos de asesoramento e instrumentos de apoio na medida en que sexan demandados polos emprendedores.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments