Santiago, 12 de abril 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, durante a súa visita en Santiago á sede da empresa Infonet, salientou a aposta desta compañía polo programa ReAcciona para mellorar a súa competitividade, redefinindo as súas liñas de negocio para promover, a continuación, novas accións para o relanzamento comercial.
Especializada en servicios TIC tanto no ámbito do soporte e mantemento de sistemas informáticos, como da protección e monitorización proactiva da seguridade da información, Infonet, con máis de 15 anos de experiencia no sector, decidiu comercializar agora o produto propio denominado Controlbox -www.controlbox.es-. Este produto innovador foi desenvolvido co apoio do programa ReAcciona e destinado a reforzar a seguridade informática das empresas e a facilitar que consigan un maior rendemento do seu capital humano, mellorando a produtividade e protexendo a súa información sensible. O xerente de Infonet, Rafa Villaverde, mostrou as capacidades do novo produto, así como o avanzado nivel de modernización e innovación tecnolóxica empregado na empresa para a mellora continua dos seus niveis de servizo e capacidade de resolución de incidencias.
Durante a súa visita, Aguilera destacou o esforzo da Xunta para facilitar a reinvención do tecido industrial galego no marco da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, un reto onde, segundo dixo, as compañías baseadas nas TIC, como Infonet, están chamadas a desenvolver un papel especialmente importante.
O director do Igape recordou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten activado este ano programas como Galicia 1000 ou Galicia Inviste para asegurar que as pemes conten cos apoios que precisen, adecuados aos seus proxectos para investir, crear emprego ou localizar negocio en novos mercados exteriores.
Así, Aguilera salientou que, ademais de préstamos directos, préstamos participativos ou préstamos bancarios bonificados ou avalados polo Igape, as pemes poden contar con liñas de axuda para cubrir ata o 35% de investimentos, a partir de 50.000 euros.