Friday, 08 April 2016 14:51

A Xunta salienta o compromiso da empresa Galman coa mellora da competitividade para consolidar o seu crecemento

O director do Igape, Javier Aguilera, subliña, durante a súa visita á sede desta compañía de Pontedeume, a súa aposta polo programa ReAcciona para impulsar a organización loxística e avanzar na profesionalización dos procesos de produción. Especializada en carretillas elevadoras e grúas ponte, nos últimos 15 anos multiplicou por cinco o seu cadro de persoal, pasou de distribuidora a fabricante con marca propia e abriu instalacións en Lugo e Vigo. Aguilera destaca que a Consellería de Economía e Industria mantén operativos, a través do Igape, programas como Galicia 1000 ou Galicia Inviste para que as pemes conten cos apoios que precisen para investir e medrar en actividade e emprego. Salienta a oferta de préstamos directos, participativos ou bonificados, así como a existencia de  subvencións para cubrir ata o 35% de investimentos, tanto en de equipamentos como en proxectos xeradores de emprego.

Pontedeume, 8 de abril de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, destacou o compromiso de Gallega de Manutención (Galman) coa mellora da competitividade como garantía para consolidar no futuro o seu crecemento durante os últimos anos. Durante a súa visita a empresa, subliñou a aposta da compañía localizada en Pontedeume polo programa ReAcciona para mellorar a organización loxística e avanzar na profesionalización dos seus procesos de produción.

Especializada en carretillas elevadoras e grúas ponte, nos últimos 15 anos multiplicou por cinco o seu cadro de persoal, pasando de 8 a máis de 40 persoas, e superou a súa actividade como distribuidora de empresas do País Vasco para converterse en fabricante, con marca propia, de grúas ponte para interiores. Por outra banda, ampliou as súas instalacións dos 500 metros iniciais a máis de 5.000 metros, logo de abrir delegacións en Lugo e Vigo.

Galman participou, xunto con outras catro pemes, no proxecto Sherpa, apoiado pola Axencia Galega de Innovación (Gain) e os fondos europeos FEDER para desenvolver unha plataforma móbil autónoma para realizar operacións loxísticas de entrada e saída en almacéns, un ámbito que está a impulsar a Xunta a través da Axenda da Competitividade Galicia- Industria 4.0. A empresa participou tamén en varios proxectos innovadores en colaboración co Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI), que vén de adxudicarlle outro proxecto para automatizar un conxunto de máquinas nun consorcio de fabricantes de equipos de automoción.

Durante a súa visita ás instalacións de Galman, Aguilera recordou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten activado este programas como Galicia 1000 ou Galicia Inviste para procurar que as pemes conten cos apoios que precisen, á medida dos seus proxectos para investir, crear emprego, operar con normalidade ou acceder a novos mercados internacionais.

Neste sentido, salientou que as empresas galegas poden acceder a capital risco, préstamos directos, préstamos participativos ou préstamos bancarios bonificados ou avalados polo Igape, así como as axudas para cubrir ata o 35% dos seus investimentos, a partir de 50.000 euros, en novos equipamentos ou proxectos intensivos en creación de emprego.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments