Santiago, 7 de abril de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, visitou hoxe a sede da empresa santiaguesa Seguridade A1, da que salientou a súa aposta pola mellora tecnolóxica como clave para reafirmar a súa competitividade, para seguir medrando e para explorar a expansión da súa actividade cara a novos mercados internacionais.
En colaboración con outras compañías galegas, esta empresa, que ten contado co apoio do Igape en proxectos de investimento tecnolóxico e internacionalización, está a buscar novas oportunidades de negocio en mercados como Perú ou Brasil. Seguridade A1 conta con máis de 11.000 abonados á Central Receptora de Alarmas que controla máis de 30.000 instalacións de seguridade en Galicia, resto de España e Portugal.
O director do Igape salientou o esforzo da Xunta para facilitar a reinvención do tecido industrial de Galicia no marco da Axenda da Competitividade Galicia- Industria 4.0, un reto onde as compañías de marcado acento tecnolóxico deben desenvolver un papel especialmente relevante.
Durante a súa visita á empresa, especializada no deseño, instalación e mantemento de sistemas integrais de seguridade á medida tanto para empresas como para o sector residencial ou organismos públicos, Aguilera lembrou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria habilitou este ano programas como Galicia 1000 ou Galicia Inviste para que as pemes conten cos apoios que precisen, á medida dos seus proxectos para investir, crear emprego ou acceder a novos mercados internacionais.
Así, destacou que ademais de préstamos directos, préstamos participativos ou préstamos bancarios bonificados ou avalados polo Igape, as pemes poden contar con liñas de axuda para cubrir ata o 35% de investimentos, a partir de 50.000 euros, ou para apoiar as súas iniciativas de internacionalización.