Santiago, 30 de marzo de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou o compromiso de Tórculo Comunicación Gráfica coa mellora continua dos seus equipamentos e procesos de produción como clave do seu crecemento e competitividade. Durante a súa visita ás instalacións centrais do grupo no polígono do Tambre, Aguilera destacou a aposta da Xunta por facilitar a reinvención do tecido industrial no marco da Axenda da Competitividade Galicia - Industria 4.0.
Subliñou que un dos instrumentos empregados é o programa ReAcciona, ao que se acolleu Tórculo para desenvolver proxectos de mellora en ámbitos como a cooperación, a redefinición do modelo de negocio ou o relanzamento comercial. Este programa activarase de novo, con maior oferta de servizos, en próximas datas.
O director do Igape destacou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén tamén activos programas como Galicia 1000 ou Galicia Inviste para que as pemes conten cos apoios que precisen para investir e crear emprego. Neste sentido, incidiu que ademais de préstamos directos, participativos ou bonificados, as pemes poden contar con liñas de axudas para cubrir ata o 35% de investimentos a partir de 50.000 euros.
Tórculo, con 34 anos de traxectoria, foise adaptando ás necesidades do mercado, ata converterse en provedor integral de comunicación gráfica e referente tanto no mercado autonómico como estatal. Na actualidade, Tórculo cubre todas as fases da produción gráfica utilizando tecnoloxías de última xeración. A empresa participa tamén no proxecto Digiwood, que investiga sobre a impresión dixital en taboleiros de madeira. Tórculo conta ademais con certificacións que garanten que o material empregado procede de bosques onde se planta máis do que se tala.