Monday, 28 March 2016 09:16

O programa Galicia Inviste permitirá mobilizar 50 millóns de euros en investimentos impulsados por pemes galegas

O Igape ten en marcha esta convocatoria, dotada con 12 millóns, co obxectivo de apoiar ás empresas na adquisición de maquinaria e bens de equipo que lles faciliten ampliar a súa capacidade produtiva ou para crear novas instalacións. Apoia iniciativas a partir de 50.000 euros con axudas que poden cubrir ata o 35% do investimento. A Consellería de Economía, Emprego e Industria conta igualmente con outros programas para colaborar co sector empresarial na súa mellora competitiva e tecnolóxica, como Galicia 1000 ou Reacciona.

Santiago, 27 de marzo de 2016.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria prevé mobilizar arredor de 50 millóns de euros en investimentos empresariais impulsados por pemes galegas a través do programa Galicia Inviste. Para a execución deste programa, o Igape conta cun orzamento de 12 millóns de euros, o que permitirá conceder axudas que poderán cubrir ata o 35% do investimento aprobado para cada iniciativa empresarial.

A través do Galicia Inviste, centrado en impulsar investimentos empresariais, o Igape apoia proxectos de adquisición de maquinaria ou bens de equipo para ampliar a capacidade de produción, ou para promover a diversificación e cambios esenciais nos procesos produtivos das empresas en funcionamento. Ademais, esta convocatoria de axudas tamén apoia investimentos en obra civil ou maquinaria e outros bens de equipo para a creación de novos establecementos ou para a ampliación de instalacións produtivas con alto potencial de creación de emprego.

Para facilitar o acceso dun maior número de proxectos de pemes, os investimentos apoiados na convocatoria do Galicia Inviste 2016 poderán partir dos 50.000 euros e chegar ata os 900.000, con axudas que poden cubrir ata o 35% dos investimentos. O prazo de presentación de proxectos está aberto ata o próximo 16 de decembro.Para financiar investimentos de superior contía, a partir de 900.000 euros, as empresas galegas teñen a posibilidade de acollerse ás axudas habilitadas polo Goberno do Estado a través de liña de Incentivos Rexionais do Ministerio de Hacienda, xestionada en Galicia polo Igape.

A Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, conta con outros programas que lle permiten colaborar co sector empresarial na procura dunha mellora na súa competitividade e adquisición de novas tecnoloxías. Neste senso, a Xunta dispón dunha terceira edición do programa de financiamento Galicia 1000, para o que acaba de incrementar o seu orzamento nun 10%, ata os 100 millóns de euros, para apoiar preto de 1.500 proxectos de pemes galegas.

Entre outras iniciativas, o Igape tamén conta con 9 millóns de euros para os programas ReAcciona, ReAcciona TIC e as bolsas ReAcciona, o que permitirá a preto de 1.000 empresas galegas acceder a máis de 1.500 servizos ata 2018 e mellorar así a súa xestión, reforzando a capacidade competitiva e integrando as tecnoloxías da fábrica intelixente sobre a que pivota a Industria 4.0.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments