A Coruña, 18 de marzo de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe a aposta do novo proxecto social Recréate por conxugar, na cidade da Coruña, un centro de día para persoas maiores con actividades físicas e de ocio para todas as idades. Destacou, igualmente, a ampla oferta de instrumentos activados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para financiar a creación de novas empresas ou o crecemento e consolidación de pemes xa existentes.
O proxecto Recréate parte de considerar a actividade física como unha das mellores formas de promover hábitos saudables e de previr doenzas, para ofrecer nun mesmo espazo actividades para todas as idades, favorecendo a inclusión e a interacción entre diferentes xeracións. O centro Recréate, que contou cun préstamo do Igape ao abeiro da liña dotada con Fondos Jeremie para apoiar os seus investimentos, dispón de 34 prazas como centro de día para persoas con diferentes niveis de dependencia e ofrece, como centro de ocio, actividades saudables para persoas de calquera idade, como danza e baile, pilates ou ioga, entre outras.
Esta nova empresa integra un centro activo de día, un centro familiar de ocio, onde se mantén o contacto e a integración dos máis novos coas persoas maiores, e un centro de asistencia e especialización domiciliaria. Conxuntamente, Recréate busca manter unha convivencia sen tramos de idade nin barreiras entre xeracións.
Para favorecer a posta en marcha de novos negocios e o desenvolvemento e crecemento das empresas existentes, o Igape mantén activos programas como o Galicia Inviste para impulsar novos investimentos, programas de préstamos directos dotados con fondos Jeremie e fondos BEI, e fondos de capital risco, a través de Xesgalicia, para apoiar o financiamento dunha ampla variedade de proxectos. O director do Igape salientou tamén que, por outro lado, o Instituto impulsará en datas próximas a posta en marcha das liñas de microcréditos e préstamos bancarios bonificados, para procurar que ningún proxecto viable quede sen desenvolver por non dispoñer de instrumentos de financiamento axeitados ás súas necesidades.