Düsseldorf (Alemaña), 14 de marzo de 2016.- Os viños galegos amparados polas cinco denominacións de orixe buscan novos mercados exteriores na feira internacional ProWein, que se desenvolve do 13 ao 15 deste mes en Düsseldorf. Coa colaboración da Xunta, os viños galegos contan cun espazo expositivo de 200 metros cadrados no pavillón do ICEX, que visitou hoxe o director do Igape, Javier Aguilera, para reforzar a presenza da delegación galega.
Aguilera salientou a calidade dos caldos galegos para conquistar aos consumidores máis esixentes e para seren abandeirados da marca Galicia –entre as empresas participantes hai varias certificadas por Galicia Calidade–, na procura de novos clientes para os produtos agroalimentarios galegos. As exportacións dos viños galegos a todo o mundo ascenderon a 42,3 millóns de euros en 2015, rexistrando un incremento do 6,3% sobre o ano anterior.
Para impulsar as exportacións dos viños da Comunidade, a Consellería de Economía, Emprego e Industria asinou, a través do Igape, un acordo marco cos consellos reguladores para desenvolver, a partir desta presenza en ProWein, un plan de promoción dos viños de Galicia que busca incrementar o volume das exportacións.
A través do Instituto, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia a promoción internacional dos viños galegos mediante un plan específico que, por iniciativa do sector, aposta por triplicar, ata 2017, as exportacións a Alemaña, un mercado con alto potencial consumidor, so por detrás de Francia, Estados Unidos e Italia.
Un total de 44 adegas de Rías Baixas e do Ribeiro, xunto con representantes das DO de Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra, están participando na XXIII Edición de ProWein, que na pasada edición acolleu preto de 6.000 expositores e recibiu máis de 52.000 profesionais e importadores deste sector procedentes de 50 países de todo o mundo.
A finalidade desta presenza galega en ProWein é dar a coñecer no mercado alemán os viños das Denominacións de Orixe galegas que aínda non se exportan, así como incrementar as vendas daquelas adegas ou denominacións que xa comercializan os seus produtos neste país.
Alemaña é o terceiro país importador de viños a nivel internacional. Con todo, constitúe un mercado onde non é fácil acceder sen contar cunha estratexia planificada. Iso é o que promove a Xunta mediante o acordo de cooperación no que suman esforzos todas as Denominacións de Orixe para ampliar os horizontes dos mellores viños do país.
No marco do plan de promoción dos viños galegos, o Igape e os distintos Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe colaborarán en cantas actuacións, propostas e accións de promoción, publicidade e presenza nos mercados seleccionados sexan necesarias para o seu desenvolvemento.