Friday, 11 March 2016 14:44

A Xunta impulsa a creación de novas empresas mediante unha rede de aceleradoras de emprendemento en colaboración coa EOI

Os directores do Igape, Javier Aguilera, e da Fundación EOI, Fernando Bayón, asinaron hoxe en Santiago o acordo para fomentar a posta en marcha de novos proxectos empresariais e aumentar as súas posibilidades de éxito. As accións, das que se poderán beneficiar ata 1.500 emprendedores, inclúen formación, asesoramento e aceleración no proceso de activación de novas empresas, e desenvolverase durante os dous próximos anos, contando cun orzamento global de 4,8 millóns de euros. Activaranse centros de emprendemento en Xinzo de Limia, Cabana de Bergantiños, Monforte, Mondoñedo, Ferrol e Celanova promovendo o reequilibrio territorial. O convenio vén reforzar e dar novo pulo á batería de servizos e apoios impulsada pola Xunta ao abeiro da Lei de Emprendemento.

Santiago, 11 de marzo de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, asinou esta mañá co director da Fundación Escuela de Organización Industrial (EOI), Fernando Bayón, o acordo de colaboración entre ambos organismos para a posta en marcha dunha nova rede de aceleradoras de emprendemento coa que se prevé dar un importante impulso á formación e ao asesoramento de novos empresarios e á creación e consolidación de compañías.

O acordo subscrito hoxe en Santiago, que xa fora autorizado polo Consello da Xunta, e que se prevé desenvolver nos dous próximos anos, está dotado cun orzamento de 4,8 millóns de euros. Ten como obxectivos prioritarios os de fomentar o emprendemento e aumentar as posibilidades de desenvolvemento temperán e de consolidación dos novos proxectos empresariais.

O proxecto impulsado pola Xunta e a EOI incluirá 6 novos centros de emprendemento e coworking que se desenvolverán nas localidades de Xinzo da Limia, Cabanas de Bergantiños, Monforte, Mondoñedo, Ferrol e Celanova para impulsar o reequilibrio territorial da actividade empresarial.

Poderán participar ata 1.500 emprendedores nas accións de formación e asesoramento que se impulsarán para acompañar aos participantes no deseño e avaliación económica de novos proxectos empresariais. Os proxectos con máis potencial poderán participar na fase final, centrada en acelerar a posta en marcha e procurar a súa consolidación como novas empresas.

A Xunta completa con esta nova rede un amplo mapa de aceleradoras que comprende, xunto con estas seis sedes, os proxectos de Agrobiotech –localizadas no Parque Tecnolóxico de Ourense e no CETAL de Lugo- e de Vía Galicia – en colaboración con Zona Franca de Vigo e con localizacións no porto do Molle de Nigrán e na Confederación de Empresarios de Lugo-.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments