Tuesday, 01 March 2016 10:59

A Xunta achega aos empresarios de Madrid as oportunidades de investimento en Galicia

 O director xeral do Igape, Javier Aguilera, participa na xornada técnica “Galicia, un lugar para investir”, organizada conxuntamente con Aegama, que aglutina a unha rede integrada por máis de 1.600 empresas. Salienta o programa Galicia Transmite, coordinado conxuntamente co Goberno do Estado a través da DIGPYME para conectar empresarios e emprendedores nun esforzo centrado en xerar actividade e emprego reforzando o tecido produtivo en Galicia. Destaca que o Igape xa activou este ano programas de axuda dotados con máis de 30 millóns para facilitar os proxectos empresariais, a mellora da competitividade ou a internacionalización das empresas galega.

Madrid, 29 de febreiro de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, acompañado polo director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, participou hoxe na xornada técnica “Galicia, un lugar para investir”, organizada conxuntamente coa Asociación de Empresarios Galegos de Madrid (Aegama) co obxectivo de captar novos proxectos cara Galicia informando polo miúdo sobre o completo abano de instrumentos de apoio aos investimentos na comunidade autónoma.

Durante a súa intervención nesta xornada, Aguilera referiuse á importante mellora da actividade económica en Galicia, reflectida tanto na incremento da produción industrial como no crecemento das exportacións, que marcaron un récord absoluto en 2015, con 18.831 millóns de euros. Para consolidar e reforzar os indicadores positivos da economía galega, engadiu, a Consellería de Economía, Emprego e Industria habilitou un ambicioso marco de apoios, activando no que vai de ano liñas de apoio que suman 185 millóns de euros para reforzar tanto os investimentos como a innovación ou a creación de emprego.

Aguilera destacou igualmente que, ademais de manter operativos os programas de préstamos directos dotados con fondos Jeremie ou BEI para impulsar novos investimentos, e os fondos de capital risco xestionados por Xesgalicia, este ano convocáronse a través do Igape axudas dotadas con máis de 30 millóns de euros para apoiar novos proxectos con subvencións a fondo perdido, para facilitar a mellora da competitividade ou a internacionalización das pemes galegas.

O encontro técnico contou coa participación do subdirector de Apoios da DIGPYME, Antonio Fernández Ecker, que explicou as características do programa de Transmisión de Empresas impulsado polo Minetur para fomentar e facilitar a transmisión de compañías como alternativa de emprendemento, de incorporación de innovación, de xeración de riqueza e de creación de emprego.

Como coordinador e dinamizador da plataforma de transmisións de empresas en Galicia, o Igape desenvolve o programa Galicia Transmite para asesorar tanto a compañías que desexen considerar o traspaso do seu negocio como a empresarios e emprendedores interesados en darlle continuidade á esa actividade.

Na xornada técnica participou tamén Julio Lage, presidente de Aegama, que aglutina a case 400 empresas dirixidas en Madrid por empresarios de orixe galega, e que coordina ademais unha rede de máis de 1.200 empresas aliadas ou colaboradoras. Ao igual que outras asociacións de empresarios galegos no exterior, Aegama está a colaborar co Igape en aspectos como a localizar de posibles proxectos de investimento para localizar en Galicia.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments