Monday, 22 February 2016 14:30

A Xunta destaca a aposta da empresa Formato Verde pola calidade como clave para a súa progresiva internacionalización

O director do Igape, Javier Aguilera, visitou as instalacións en Pereiro de Aguiar desta compañía, especializada en deseño, montaxe, comercialización e mantemento de contedores de lixo, tanto soterrados como de superficie. Formato Verde, que monta os seus produtos con pezas fabricadas por provedores galegos, conta con instalacións en Portugal e Almería e exporta a mercados como América Latina ou Arabia Saudí. Aguilera destaca que a Consellería de Economía, Emprego e Industria leva activadas este ano axudas por case 10M€ para facilitar as exportacións das pemes.

Pereiro de Aguiar (Ourense) , 22 de febreiro de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe o compromiso da empresa ourensá Formato Verde, especializada en deseño, montaxe, comercialización e mantemento de contedores de lixo, tanto soterrados como de superficie, coa calidade e a sustentabilidade como claves da súa progresiva internacionalización, proceso no que ten contado co apoio do Igape a través de programas como o de xestores de exportación.

Durante a súa visita ás instalacións de Formato Verde, o director do Igape, destacou o importante esforzo que está a facer este ano a Xunta para apoiar a proxección do tecido empresarial galego cara a mercados internacionais, con convocatorias de axudas que suman case 10 millóns de euros para apoiar ás pemes galegas que buscan incrementar as súas exportacións acudindo a feiras ou eventos expositivos no exterior, de forma individual ou agrupada, ou contratando xestores expertos en comercio internacional.

A constante aposta pola calidade de Formato Verde, certificada desde 2007 nas normas ISO 9001, 14001 e EMAS, está a ser a base da súa crecente internacionalización cara a mercados exteriores, entre os que compre mencionar Arabia Saudí ou América Latina. A compañía deseña e monta en Pereiro de Aguiar os seus contedores e compactadores a partir das pezas que encarga a provedores localizados en Ourense, Pontevedra, Boiro, Viveiro ou Padrón, de xeito que ademais contribúe á dinamización do tecido industrial de Galicia. A empresa conta, por outra banda, con instalacións en Portugal (Porto) e Almería.

Formato Verde emprega o deseño como instrumento base para desenvolver produtos con personalidade propia, integrando forma e función en cada contorno ao que se destinan os contedores, xerando así actividades responsables cara ao medio ambiente.

Durante a súa visita a esta empresa, Aguilera destacou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria activou xa este ano, a través do Igape, convocatorias de axudas dotadas con máis de 30 millóns de euros para apoiar os novos investimentos, a mellora da competitividade, o financiamento circulante ou a internacionalización das empresas galegas.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments