Trazo (A Coruña), 1 de febreiro de 2016.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe a firme aposta da empresa de Trazo Strong Bull pola súa crecente internacionalización, con exportacións crecentes durante os últimos dez anos que cobren, na actualidade, o 50% da súa facturación.
Strong Bull é unha firma de enxeñaría especializada en deseño e fabricación de maquinaria especializada para a elaboración de aliminio, PVC, composite ou madeira. A compañía localizada no polígono de Chaián comezou a exportar en 2005, buscando solucións á caída da demanda no mercado nacional.
Na actualidade, Strong Bull, que se ten apoiado no programa Foexga, coordinado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, para localizar novas oportunidades en mercados exteriores, exporta o 50% da súa facturación a áreas como a Unión Europea, Brasil, Colombia, México, Ecuador Marrocos, Alxeria, Senegal ou Nova Zelanda.
Durante a súa visita as instalacións de Strong Bull, Aguilera salientou que, ademais de manter os programas de préstamos directos con fondos Jeremie ou BEI, a Consellería de Economía, Emprego e Industria activou a través do Igape, axudas dotadas con máis de 30 millóns de euros para apoiar os novos investimentos, a mellora da competitividade, o financiamento de circulante ou a internacionalización das Pemes galegas.
Así, o Igape acaba de activar o programa Galicia Inviste para impulsar novos investimentos das Pemes, dotado con 12 millóns de euros, e o programa Galicia Emprende, para apoiar proxectos impulsados por novos emprendedores, dotado con case 4 millóns de euros.
Por outra parte, e co obxectivo de seguir apoiando os procesos de internacionalización, o Igape activou para 2016 axudas que roldan os 10 millóns de euros para Pemes galegas que buscan incrementar as súas exportacións acudindo a feiras ou eventos expositivos en mercados exteriores, ou a través da incorporación de especialistas en comercio exterior.