Santiago, 22 de decembro de 2015.- A Xunta suma esforzos e recursos para impulsar a modernización e a innovación tecnolóxica do tecido empresarial de Galicia. Así se plasma no convenio de colaboración asinado esta mañá entre a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o director Xeral do Igape, Javier Aguilera, para desenvolver actuacións de impulso á empresa dixital e a industria 4.0.
O acordo reforza a aposta do Goberno pola incorporación efectiva e continua das TIC nos sectores produtivos da Comunidade cun orzamento conxunto de máis de 2,3 millóns de euros ata o ano 2017, dos cales 1,26 millóns serán achegados pola Amtega e 1,11 millóns polo Igape.
Con este investimento ambas entidades ofertarán un catálogo unificado de servizos ás Pemes para a asistencia, diagnose e soporte na implantación de solucións nos ámbitos de empresa dixital e industria 4.0.
Os servizos, que estarán dispoñibles a partir do segundo semestre de 2016, serán prestados ás Pemes a prezos reducidos por axentes colaboradores, que serán contratados mediante procedemento aberto por parte do Igape.
Empresa dixital
Neste ámbito, o catálogo ofrecerá servizos orientados a promover a dixitalización empresarial, comezando pola diagnose do grao de modernización tecnolóxica e a identificación das oportunidades de mellora que permitan incrementar a competitividade da empresa.
As Pemes poderán acceder tamén a servizos de soporte para a implantación de solucións de mobilidade que melloren a conectividade con traballadores, clientes ou provedores; para a incorporación de solucións TIC orientadas mellora da xestión empresarial; e para a implantación de solucións de marketing dixital que permitan optimizar a presenza da empresa en Internet.
Industria 4.0
Para o impulso da industria 4.0 o catálogo contempla servizos orientados a establecer novas fórmulas de produción e a impulsar a fabricación de produtos diferenciados e de calidade a través de novos modelos e procesos de deseño, creación e distribución.
Deste xeito, as pemes poderán acceder á asesoramento especializado para avaliar a súa e capacidade e oportunidades ao seu alcance para aplicar de solucións de Industria 4.0, que lles permitan unha maior flexibilización, automatización, interconexión e sustentabilidade dos entornos produtivos. Neste ámbito tamén se ofrecerá apoio para incorporar solucións de índole organizativa e/ou tecnolóxica,para a xeración de modelos e realización de procesos de simulación industrial.
Axenda Dixital 2020
Esta actuación enmárcase no establecido na Axenda Dixital de Galicia 2020, liderada pola Amtega e aprobada no Consello da Xunta o pasado 30 de abril, que fixa como obxectivo a Aceleración da Economía Dixital como un factor de relevancia para impulsar o crecemento económico na Comunidade.
Esta aposta converxe co encomendado na Axenda da Competitividade Galicia - Industria 4.0, liderada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e aprobada no Consello o pasado 13 de maio, que aspira a modernizar a industria galega a través da innovación, establecendo novas fórmulas de produción que melloren a súa competitividade, e impulsando a fabricación de produtos diferenciados e de calidade.