Friday, 18 December 2015 13:26

A Rede Galega de Business Angels da Xunta avalía os proxectos de Monet Viticultura, Celtalga e Xaraleira

O director xeral de Xesgalicia, Juan Cividanes, participou, xunto con representantes do Igape, no encontro de traballo onde os promotores dos tres proxectos presentaron os seus plans para seguir medrando. Participaron tamén membros de Red Invest, do Club de Investidores do Clúster TIC e outros integrantes da rede promovida pola Xunta ao abeiro da Lei do Emprendemento. A Rede Galega de Business Angels segue aberta á incorporación de novos investidores co obxectivo de facilitar a confluencia e a coordinación de recursos privados a públicos para apoiar proxectos emprendedores.

18 de decembro de 2015.- O director xeral de Xesgalicia, Juan Cividanes, participou esta mañá, xunto  con representantes do Igape, no encontro de traballo organizado pola Rede Galega de Business Angels, promovida pola xunta ao abeiro da Lei de Emprendemento, e onde os promotores dos proxectos Monet Viticultura, Celtalga e Xaraleira presentaron os seus plans de desenvolvemento, co obxectivo de captar novos investimentos.

Xaraleira é un proxecto emprendedor localizado en As Pontes que na actualidade dispón de 1.800 metros cadrados de superficie produtiva dedicada á cría e distribución de micromamíferos como mascotas ou como alimento; con 8 traballadores, a empresa ten en marcha plans para seguir medrando.

Monet Viticultura é unha empresa constituída o ano pasado en Pontevedra que ofrece ferramentas TIC para unha viticultura de precisión, unhas ferramentas que permiten predicir o risco de enfermidades da vide e facilita a rápida toma das decisións axeitadas neste ámbito. Con 7 traballadores, conta con financiamento de Vigo Activo e da Empresa Nacional de Innovación (Enisa) e aspira a incorporar un novo investidor para seguir medrando para prestar servizos, o ano próximo, a empresas adegueiras de toda España.

Pola súa banda, Celtalga naceu como spin off da Universidade de Santiago para investigar, producir e distribuír extractos de algas para o sector cosmético. A empresa conta con tres socios e está a buscar investidores que se sumen a Xesgalicia para impulsar plans de crecemento para estender as súas patentes para Europa a mercados de Asia e América.

No almorzo de traballo cos emprendedores participaron representantes de Red Invest, do Club de Investidores do Clúster TIC e investidores privados, todos integrados na Red Galega de Business Angels. A rede segue aberta á incorporación de novos investidores, co obxectivo fundamental de facilitar a confluencia e coordinación de recursos privados a e públicos para procurar que ningún proxecto viable quede sen financiamento á medida das súas necesidades.

Os investidores interesados poden homologarse a incorporarse á Rede Galega de Business Angels a través da web do Igape. Os membros contan con acceso a información completa e detallada sobre os proxectos emprendedores que buscan financiamento, ao tempo que poden propoñer a incorporación de novos proxectos á rede.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments