Friday, 11 December 2015 15:12

O Igape destaca a vixilancia competitiva como clave para que as empresas aproveiten novas oportunidades

O director do Instituto, Javier Aguilera, salienta nunha xornada organizada en colaboración con APD que a intelixencia empresarial permítelles ás compañías reaccionar a tempo para sacar partido de novas opcións tecnolóxicas e de negocio. Subliña a experiencia práctica que está a impulsar o Igape a través do Proxecto Alerta, que está a desenvolver tres proxectos piloto de grupos de cadeas de valor integrados por empresas e organismos dos sectores TIC, enerxía e madeira.

Santiago, 11 de decembro de 2015.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe nunha xornada sobre intelixencia económica e empresarial organizada conxuntamente coa Asociación para el Progreso de la Dirección (APD) que a vixilancia competitiva constitúe, no ámbito da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, unha das claves para que as empresas avalíen o ecosistema onde se desenvolven e poidan aproveitar oportunidades tecnolóxicas ou de mercado, anticiparse ás dificultades e reaccionar a tempo na toma de decisións estratéxicas que lles permitan consolidarse no mercado global.

Durante a súa participación, Aguilera salientou que o Igape está a impulsar, a través do Proxecto Alerta, tres proxectos piloto de vixilancia competitiva de grupos de cadeas de valor integrados por empresas e organismos intermedios dos sectores TIC, enerxía e madeira.

Aguilera Navarro destacou que a intelixencia empresarial esixe a exploración e a avaliación de todo o que rodea á empresa. Coñecer e avaliar o que están a facer os competidores, como están a traballar os provedores, como se comportan os mercados obxectivo ou como evolucionan as demandas dos clientes permite reaccionar a tempo, anticiparse aos problemas ou solucionalos cando comezan a manifestarse, subliñou.

A xornada técnica celebrada hoxe arredor da xestión empresarial intelixente, promovida pola Xunta ao abeiro do Programa Capacita, inclúe relatorios sobre os riscos e oportunidades para as empresas no mercado global, a xestión de riscos ou a xestión empresarial intelixente na toma de decisións estratéxicas. Tamén inclúe un relatorio sobre o proxecto Alerta como instrumento de vixilancia competitiva en rede. O obxectivo é achegar ás empresas as claves dun instrumento capaz de reducir a incerteza na adopción das decisións empresariais.

O Igape está a liderar o proxecto europeo Alerta, financiado pola iniciativa de xeración de redes do FSE e no que participan axencias de desenvolvemento rexional de Cantabria, País Vasco, Castela e León, Francia e Portugal co obxectivo de intercambiar experiencias e boas prácticas na promoción económica, para facilitar a mellora da competitividade das empresas a partir da mellora dos procedementos, servizos e apoios facilitados. A partir da experiencia acadada, o Igape está a trasladar a vixilancia competitiva a organismos e empresas dos sectores TIC, madeira e enerxía.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments