Ourense, 17 de novembro de 2015.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe en Ourense, nunha visita que desenvolveu ás instalacións da empresa familiar Rodríguez López Auto, a aposta continuada pola innovación desta firma como clave do seu liderado en España no sector de produción de vehículos especiais, así como a explicación do seu continuado avance en mercados internacionais de Latinoamérica, Europa e norte de África.
Segundo o director do Igape, a capacidade de constante reinvención que está a mostrar esta empresa constitúe “un bo exemplo para a necesaria transformación do tecido empresarial galego no seu avance cara a Industria 4.0, que promove a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0”.
Rodríguez López Auto emprega na actualidade a máis de 140 traballadores e produce cada ano 800 vehículos especiais, acadando unha facturación de 20 millóns de euros. A compañía ourensá cubre máis do 50% do mercado español de ambulancias civís e conta coa exclusiva para producir as ambulancias militares, así como vehículos especiais para corpos e fozas de seguridade.
A compañía familiar ourensá está a apostar pola incorporación de innovación a procesos e produtos como clave para seguir avanzando en mercados internacionais. Na actualidade, Rodríguez López produce vehículos especiais para países como Perú, Ecuador, Chile, Panamá, República Dominicana, Francia, Inglaterra, Portugal, Marrocos ou Alxeria. As exportacións da empresa supoñen xa arredor do 20% da súa facturación anual.
Deste xeito, mediante a súa aposta continuada pola innovación, Rodríguez López Auto está a consolidar o seu liderado no sector de transformación de vehículos destinados a usos especiais, tanto sanitarios como de seguridade ou profesionais, así como para persoas con mobilidades reducida.