Friday, 04 September 2015 13:34

Conde salienta o programa de xestores de internacionalización como aposta para que o mellor talento dirixa a expansión de Galicia nos mercados globais

Durante unha reunión con empresas e profesionais, o conselleiro de Economía e Industria anuncia que o Goberno galego apoiará en 2016 a contratación de 60 novos xestores, priorizando aos novos titulados. Resalta que o programa da Xunta, no marco da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, permitiu nos últimos 6 anos a contratación de especialistas que axudaron a máis de 300 empresas e clústers galegos a saír a outros mercados.

Santiago, 4 de setembro de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe o programa de xestores de internacionalización da Xunta como unha aposta clave para que o mellor talento dirixa a expansión de Galicia nos mercados globais. Durante unha reunión con empresas e especialistas que xa participaron nesta iniciativa da Xunta, de cara a compartir impresións e suxestións sobre o programa, Conde subliñou os dous obxectivos claves deste plan: facilitar ás empresas galegas o acceso a novos mercados, e formar especialistas en comercio exterior, fomentando a súa incorporación definitiva ao mercado laboral.

De cara a 2016, sinalou o conselleiro, a Xunta está a preparar unha convocatoria de 600.000 euros que porá o foco sobre as pemes, que poderán contratar a xestores por un mínimo de 6 meses e un máximo de 12. Conde anunciou que o Goberno galego espera apoiar a contratación de 60 profesionais, buscando que sexan recén titulados. “O apoio ás pemes debe vir polo talento”, dixo Conde, e esta “é unha oportunidade para as empresas e para os mozos galegos recén titulados que queren implicarse nos eidos internacionais”.

A Xunta financia cada ano o salario de ducias de expertos contratados polas empresas, ata facilitar nos últimos 6 anos a contratación de especialistas, que, dixo Conde, axudaron a máis de 300 empresas e clústers galegos a saír a outros mercados. En total, o programa ten suposto desde 2009 un investimento de máis de 3 millóns de euros.

En todo caso, os especialistas que queiran ser contratados deberán estar inscritos na base de datos de xestores de internacionalización que manexa o Igape, unha lista onde as empresas galegas buscan candidatos non só para este programa, senón durante todo o ano. A base de datos conta hoxe con máis de 1.000 profesionais dados de alta, que suman 28 idiomas e 70 titulacións distintas.

Unha base de datos na que se reúne o talento internacionalizador, e que a Xunta quere impulsar co convencemento de que son as ideas destes xestores as que consolidarán a senda de éxitos internacionais que está a acadar Galicia. Neste senso, o conselleiro subliñou que as exportacións galegas experimentaron un incremento do 4% de xaneiro a xuño sobre o mesmo período do 2014, e un 1,7% máis que no mesmo período de 2013, cando Galicia logrou o seu mellor resultado histórico de exportacións.

Co obxectivo de reforzar o talento galego no eido exportador, Conde destacou o papel que xogará o Igape formando aos especialistas galegos. Neste senso, a semana que ven a Xunta porá en marcha o proceso para contratar a empresas especializadas que, durante 24 meses, formen e titoricen a estes profesionais inscritos na base de datos de xestores internacionais.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments